A Real Academia Galega (RAG) presenta no seu novo web o agardado dicionario, que conta con máis de 50.000 entradas e ofrece, como novidade máis salientable, a posibilidade de escoitar a realización sonora das palabras.
Trátase dunha obra elaborada a partir dun amplo corpus do galego moderno e que achega, ao mesmo tempo, información gramatical (xénero dos substantivos, formación do feminino, réxime dos verbos...) e, cando é pertinente, sobre o nivel de uso (rexistro formal ou familiar).
As acepcións do termo buscado acompáñanse de sinónimos, antónimos e voces próximas semanticamente, ademais de ilustrarse con varios exemplos de uso. Asemade, o dicionario incorpora a terminoloxía científica manexada nos niveis de estudos medios, así como as locucións e os fraseoloxismos de maior relevancia, cos seus significados e exemplos correspondentes.
No que se refire á súa consulta en liña, a páxina propón un sistema preditivo de busca que facilita a procura do termo. Na marxe dereita preséntanse os termos máis buscados polo público e a definición dunha "palabra á toa", ademais dun formulario que permite enviar calquera suxestión para favorecer unha mellora constante do dicionario. Ademais, unha aplicación permítenos enviar a Twitter a procura realizada, contribuíndo, deste xeito, á socialización do galego no seo das redes sociais.
Segundo sinalan desde a RAG, "estamos perante un dicionario que pretende ser respectuoso cos dereitos das persoas, dos grupos sociais e dos pobos; un dicionario que ten en conta o principio de igualdade e rexeita as discriminacións por razóns de xénero, raza ou relixión".
Proximamente incorporaremos a ligazón ao dicionario na nosa sección de recursos, dentro da rúbrica de Lingua da intranet de Xustiza.
Máis información en Galicia Confidencial e no web da CTNL.
Ningún comentario:
Publicar un comentario