O Concello de Santiago non achegará este 2012 a axuda duns 4000 euros que destinaba a colaborar na organización do Correlingua, a carreira organizada por entidades de promoción da lingua galega e a Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística, que este ano se celebrará na capital o 7 de maio.
A retirada do apoio tanto económico como loxístico fará que esta actividade, que vén contando co apoio dos gobernos das cidades galegas dende hai anos, sexa tratada en Compostela como unha manifestación ao uso, coa petición previa de permisos e posibles restricións que iso supón.
A argumentación que se lanza dende o goberno municipal santiagués é o desacordo co manifesto no que este ano se inspira o Correlingua, redactado nun colexio de Pontecesures e no que se proclama, por exemplo, o desexo de que "as fronteiras de Galiza as poña o galego" ou que "non se é máis galego por vivir na Coruña se logo se fala o idioma de Castela". Este texto, que foi o gañador dun concurso entre as propostas dos centros educativos galegos, é unha homenaxe ao poema "Deitado frente ao mar" de Celso Emilio Ferreiro, no ano do centenario do nacemento do autor. O consistorio compostelán condicionou calquera colaboración a que se retirase o manifesto.
Máis información en Praza Pública.
Ningún comentario:
Publicar un comentario