O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, considerou que a crispación existente respecto ao idioma "non é a nivel social", senón que se trata dunha "situación de desencontro" entre algúns dos sectores implicados directamente coa lingua galega.
"Aí é onde temos que chegar a acordos e buscar espazos comúns de traballo", sinalou o responsable autonómico nunha entrevista á TVG, na que sinalou que o galego se atopa "moi asentando" nunha poboación "que o fala e o quere".
Valentín García recorda que o idioma non foi motivo de confrontación "durante moito tempo", e que esta se rexistrou no ámbito do ensino polo decreto do idioma. Neste sentido, sinalou que é a sociedade a que achega "usos" para a lingua, polo que será aí onde é necesario "facer" promoción dela con "total normalidade".
Respecto á aplicación do decreto do plurilingüismo, afirmou que esta norma "non está a causar problemas" e "expedientes", bardante de casos "moi puntuais". Así mesmo, explica que este texto ofrece un plan "global" e "igualitario" que permite matizar os perfís en función do centro, a través do seu plan lingüístico.
Preguntado pola redución das partidas a equipos de normalización lingüística dos centros, García sinalou que se viron obrigados a realizar "axustes" ante a situación económica co obxectivo de manter estruturas e plans, aínda que sexa con menos contías, esperando "volver á situación anterior" en canto melloren as condicións.
Tamén se referiu á situación destes equipos nos municipios, unha das primeiras cousas que tratou de "arranxar". Neste sentido, confiou en que nas vindeiras semanas se publiquen as novas axudas para 2012. Do mesmo xeito, considerou que os concellos máis pequenos teñen que colaborar entre eles, agruparse e dotarse de estruturas como mancomunidades ou consorcios que "lles axuden a prestar servizos en común".
Máis información en Galicia Hoxe.
Ningún comentario:
Publicar un comentario