O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou esta semana en rolda de prensa o segundo DVD Ben falado!, que estará dispoñible a partir da vindeira semana nas principais librerías de Galicia.
“Introducir o noso idioma en todos os fogares galegos da man dun produto ameno e de calidade e mais proxectar unha imaxe positiva da nosa lingua propia que esperte o interese por ela” son, en palabras do secretario xeral de Política Lingüística, os obxectivos cos que a Consellería de Cultura e Educación promoveu a posta en marcha do Ben falado!, en consonancia cos sinalados polo Plan xeral de normalización da lingua galega (PXNLG). Por iso, segundo explicou García, “ao converter eses programas de televisión nun DVD tamén conseguiremos poñer produtos audiovisuais de cultura en galego á disposición do público”, dándolle así cumprimento a outro dos fins establecidos no marco do propio PXNLG.
Este volume do DVD Ben falado! (que, lembremos, xa é o segundo) inclúe 108 capítulos escolmados dos 230 que conforman a segunda tempada do microespazo emitido pola Televisión de Galicia e polas súas canles internacionais entre o 7 de xuño de 2010 e o 22 de abril de 2011, na que o Ben falado! introduciu como novidades temáticas o tratamento da orixinalidade do galego no seo da familia latina, os trazos distintivos das linguas que estreman co galego e un noticiario internacional de ecoloxía lingüística. Con eles ampliou os xa tratados durante a primeira etapa: fonética, morfoloxía, sintaxe, dialectoloxía, léxico, onomástica, historia da lingua e iniciativas didácticas, empresariais e cívicas a prol da lingua galega.
Recordemos, igualmente, que todos os capítulos que conforman as dúas tempadas coas que conta o microespazo desde o inicio da súa emisión no verán de 2008 están tamén accesibles para a súa visión e descarga desde a sección de Televisión á carta incluída no web institucional da CRTVG.
Máis información no web da SXPL.
Ningún comentario:
Publicar un comentario