A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participou a semana pasada no Encontro Festlatino 2012, un seminario no que o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, apostou pola promoción exterior da lingua galega no continente americano. Trátase dun labor fundamental que o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad vén desenvolvendo a través dos 37 centros de estudos galegos, nos que funcionan os 29 lectorados que ten a consellería en 15 países de Europa e América.
Na súa intervención na mesa redonda As institucións galegas e a proxección internacional da cultura galega, o secretario xeral de Política Lingüística salientou a importancia da difusión da nosa lingua no exterior, “unha actividade tan importante á que os Estados de linguas coma o francés, o portugués e mesmo o inglés lles dedican moitos recursos a través de institucións creadas ad hoc”. Valentín García fixo ademais un breve percorrido pola abondosa presenza do galego nos países latinoamericanos ao longo da historia, motivada fundamentalmente polo papel levado a cabo desde a emigración galega.
Explicou, así mesmo, que a Consellería de Cultura e Educación está a desenvolver un importante traballo neste eido a través do labor das persoas que desempeñan a súa tarefa profesional nos centros de estudos galegos e lectorados en universidades do continente europeo e americano. Respecto de América, o secretario xeral de Política Lingüística explicou que o galego está presente no centro de estudos galegos de Nova York (EEUU), no de Chile e en ata catro centros do Brasil. De igual xeito, a lingua galega está a ser difundida por Europa grazas ao labor de centros en 10 países, nomeadamente dos nove centros que hai en España, cinco en Alemaña, un en Croacia, un en Finlandia, un en Francia, un en Hungría, un en Irlanda, un en Rusia, dous en Italia, dous en Polonia, tres en Portugal e tres no Reino Unido.
Máis información no web da SXPL
Ningún comentario:
Publicar un comentario