A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a resolución das axudas convocadas para a promoción do uso da lingua galega nos concellos durante o 2012.
Así, a Orde do 26 de marzo de 2012, pola que se conceden subvencións ás entidades locais de Galicia para a promoción do uso da lingua galega, reparte unha contía de 520.000 € entre 141 concellos que acceden a estas axudas por medio dunha das catro modalidades establecidas (a creación ou mantemento dun servizo lingüístico nun concello ou agrupamento de concellos e mais o desenvolvemento de programas de dinamización lingüística en concellos ou agrupamentos de concellos carentes de servizo lingüístico). A través da dita orde o departamento dirixido por Vázquez Abad crea 17 novos servizos lingüísticos que actuarán en 46 concellos, e con ela o número total de municipios beneficiarios da subvención alcanza os 141, dos cales o 27,6% opta pola fórmula do agrupamento para incorporar unidades técnicas de traballo destinadas á dinamización da lingua.
A estas axudas puideron concorrer todos os concellos ou agrupamentos de concellos galegos cunha poboación mínima de 3000 habitantes, e nelas déuselle preferencia ao mantemento dos servizos lingüísticos e á súa creación compartida, a fin de apoiar as accións dinamizadoras desenvoltas desde a Administración local e de impulsar a prestación de servizos mancomunados. Outra das prioridades na baremación das solicitudes foi a pertenza ou a incorporación das entidades concorrentes á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, así como a calidade das iniciativas dirixidas ao fomento do galego nos ámbitos fixados como prioritarios pola propia convocatoria (novas tecnoloxías, xuventude, mocidade, servizos sociais e deporte).
Máis información no web da SXPL.
Ningún comentario:
Publicar un comentario