A instalación multimedia iniciou onte a súa itinerancia na biblioteca pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela, onde foi inaugurada, entre outras autoridades, polo conselleiro de Cultura e Educación. Durante a presentación, o conselleiro de Cultura e Educación explicou que a mostra forma parte dun programa amplo que a Xunta de Galicia promove coa implicación de diversas institucións, no marco do acordo parlamentario polo que se declarou o 2012 o Ano Celso Emilio Ferreiro. Tamén incidiu no “fondo sentido da mostra, que xorde itinerante co obxectivo de difundir a obra do poeta e achegala á cidadanía, no mesmo camiño no que el traballou a prol da difusión da nosa cultura”.
Unha pantalla interactiva de gran tamaño conforma o elemento central da instalación, con acceso a aplicacións multimedia. Un muro vertical móbil co retrato do escritor e unha mesa de luz, con obxectos persoais de Celso Emilio Ferreiro, como os seus anteollos, a máquina de escribir e unha cámara de fotos, completan a instalación. Tamén se inclúe un repertorio de cancións baseadas no poeta, así como audiovisuais e xogos participativos para coñecer máis do escritor e político. Moitos destes contidos están accesibles tamén no web oficial do escritor, http://celsoemilioferreiro.org/, que puxeron en marcha este ano a Xunta de Galicia e a Fundación Celso Emilio Ferreiro.
A mostra estará na biblioteca Ánxel Casal ata o 13 de abril e continuará o seu percorrido polo resto de bibliotecas nodais: Pontevedra, A Coruña, Ourense, Lugo e, finalmente, Vigo. Xa no mes de outubro, a exposición multimedia chegará aos centros educativos para achegarlle ao estudantado de secundaria a obra e a figura do poeta de Celanova. Acollerán a mostra o IES Francisco Daviña Rei (Monforte), o IES de Foz (Foz), o CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro (Ferrol), o IES Maruxa Mallo (Ordes), o IES Illa de Tambo (Marín), o IES Aquis Celenis (Caldas de Reis), o IES Xesús Taboada Chivite (Verín), o IES Lauro Olmo (O Barco de Valdeorras) e, finalmente, o IES de Celanova (Celanova).
Máis información no web da SXPL.
Ningún comentario:
Publicar un comentario