A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, puxo en marcha o curso ‘O galego campa: ferramentas e propostas para a dinamización da lingua galega na mocidade’, en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.
Trátase do primeiro curso dirixido a fornecerlle ao monitorado dos campamentos de verán da Xunta de Galicia ferramentas e propostas para dinamizar a lingua galega na mocidade durante o tempo libre e de lecer, concretamente no marco dos campamentos de verán, nos que participan anualmente uns 9000 mozos e mozas de toda Galicia.
“Ampliar a presenza do galego nos campamentos de verán, de xeito que os rapaces galegofalantes que cheguen a eles a sintan acollida neste espazo” e “que os rapaces que falan castelán teñan un espazo máis onde entrar en contacto co galego e enriquecerse” son, en palabras do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, dous dos obxectivos que persegue o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad con ‘O galego campa’.
Valentín García agradeceulles aos vinte e cinco monitores de campamento e especialistas en dinamización lingüística participantes o interese mostrado “pola mocidade galega e pola dinamización da nosa lingua durante o seu tempo de ocio”, e puxo en valor o papel deles mesmos como “axentes dinamizadores de referencia para tantos rapazas e rapaces que participan nos campamentos”.
García Gómez sinalou tamén que coa posta en marcha desta acción formativa a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria lle dá cumprimento ao establecido polo Plan xeral de normalización da lingua galega no ámbito do lecer e tempo libre, mediante a potenciación “dunha oferta de lecer en galego dirixida a mozas e a mozos” coa que a Xunta de Galicia quere “conseguir que estas actividades funcionen como un espazo de socialización en galego da xente nova”.
Máis información no web da SXPL.
Ningún comentario:
Publicar un comentario