A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria aposta por aproveitar a potencialidade e a capacidade creativa dos escritores en lingua galega, especialmente de mozos e mozas, para ampliar os ámbitos da nosa lingua propia. Así o asegurou o responsable de Política Lingüística, Valentín García Gómez, durante a entrega do II Certame ‘Minicontos de Outono’, que pretende fomentar a lingua e a literatura galegas a través dos medios de comunicación. Con este mesmo obxectivo, a Secretaría Xeral de Política Lingüística colabora co certame, que promoven o Centro PEN de Galicia e o xornal De Luns a Venres (LV).
No certame participaron un total de 274 relatos chegados de todo o territorio galego e mesmo doutras comunidades autónomas. Así mesmo, cómpre salientar o importante número de minicontos chegados da Arxentina, froito da participación dun grupo de fillos e netos da emigración galega en Buenos Aires como unha actividade das súas clases. Entre os relatos recibidos tamén se contan os de galegos residentes no Reino Unido, Alemaña, Italia ou Uruguai, entre outros.
No concurso houbo, así mesmo, unha nutrida participación escolar, froito da decisión dalgúns colexios de fomentar a iniciativa de escribir un relato de forma conxunta entre as alumnas e alumnos, moitos dos cales foron acompañados por traballadas ilustracións. Os traballos concursantes debían ser inéditos e estar escritos en galego, sen que puidesen exceder os 1200 caracteres.
Máis información no web da SXPL.
Ningún comentario:
Publicar un comentario