A Mesa pola Normalización Lingüística (MPNL), o Sindicato de Estudantes (SE), a Liga Estudantil Galega (LEG) e Comités convocaron este luns unha xornada de folga no ensino secundario para o próximo 19 de abril en protesta "polos ataques do Partido Popular (PP) á lingua galega".
Nunha rolda de prensa criticaron que, malia a crise económica, non foi posible a reutilización de libros de texto en galego porque materias de ciencias como matemáticas ou tecnoloxía son impartidas en castelán. Así mesmo, consideran que nestes tres últimos anos só houbo retrocesos en materia de normalización, que se quere reducir á mínima expresión a presenza do galego nas aulas e que os axustes orzamentarios van constituír un pretexto para recortar aínda máis as políticas lingüísticas.
As organizacións non teñen previsto realizar concentracións nin manifestacións nesta xornada, aínda que aseguran que "é un tema que aínda se está a analizar". Ademais das organizacións convocantes, a folga conta coa colaboración doutros colectivos, como Galiza Nova, Esquerda Unida (EU) e Mocidade Nacionalista Galega (MNG).
Para lle dar difusión á xornada, as organizacións crearon eventos nas redes sociais e habilitaron o hashtag (palabra ou frase chave cuxo obxectivo é agrupar tweets que falen sobre o mesmo tema) #19Aestudantespologalego para difundir a convocatoria en Twitter.
Máis información en Galicia Hoxe.
Ningún comentario:
Publicar un comentario