A Mesa pola Normalización Lingüística (MPNL) denuncia o "gravísimo caso" de vulneración de dereitos lingüísticos acontecido durante o proceso de selección para a provisión de varias bolsas de traballo na área de Turismo do Concello de Redondela, no cal se chegou ao extremo de o tribunal advertirlle a unha das candidatas, Natalia Soliño Figueroa, que non sería avaliada “se facía a proba en galego”. Deste tribunal facía parte un técnico do Padroado de Turismo das Rías Baixas, dependente da Deputación de Pontevedra, que foi quen se denuncia que fixo a “advertencia”.
A asociación en defensa da lingua coñeceu este caso a través da chamada da propia afectada á Liña do Galego, o servizo de atendemento e consulta sobre dereitos lingüísticos que A Mesa pon ao dispor de toda a cidadanía a través de correo electrónico (linhadogalego@amesanl.org) e da liña telefónica 902 106 474.
A afectada xa presentou un escrito de reclamación no propio Rexistro do concello redondelán contra o que considera unha evidente “discriminación”. A aspirante ás bolsas indica que "en ningún punto" das bases da convocatoria se especificaba que fose “obrigatorio usar o castelán” ou que estivese prohibido “expresarse na lingua propia de Galiza” para optar a un traballo “nun concello que, obviamente, está en Galiza”.
A Mesa demándalle ao Concello de Redondela unha "contundente investigación" dos feitos denunciados e porá de inmediato o caso en coñecemento do Valedor do Pobo, da Dirección Xeral da Administración Local e mais da Secretaría xeral de Política Lingüística para que “actúen” e lle fagan ao consistorio redondelán “cumprir a lei”. A entidade recorda que é o propio artigo 5 do Estatuto de autonomía o que prohibe calquera tipo de discriminación por razón de lingua.
Máis información en MundoGaliza.
Ningún comentario:
Publicar un comentario