Coincidindo co vixésimo aniversario da creación dos equipos de dinamización da lingua galega (EDLG) nos centros de ensino de Galicia, a Secretaría Xeral de Política Lingüística puxo en marcha dúas iniciativas para contribuír ao recoñecemento e difusión do seu labor na promoción do uso do galego.
O secretario xeral, Anxo Lorenzo, inaugurou a homenaxe da Secretaría Xeral de Política Lingüística aos equipos de dinamización nos centros de ensino. A iniciativa central desta homenaxe desenvólvese no Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega), en Santiago de Compostela. Trátase dunha exposición que repasa a traxectoria dos equipos a partir das revistas escolares que foron elaborando nos últimos vinte anos. A exposición estará aberta ao público ata o 15 de marzo.
A exposición compleméntase cunha mostra virtual que inclúe experiencias dinamizadoras desenvolvidas polos equipos na actualidade. Trátase de 20 propostas dirixidas ás diferentes etapas educativas e de diversa natureza, que están accesibles no web da secretaría xeral, en www.xunta.es/linguagalega/20_aniversario_equipos. Entre elas atópanse recursos lingüísticos e audiovisuais; accións vinculadas co teatro, coa radio ou coa ciencia; iniciativas para a dinamización da contorna; etc.
Máis información en:
http://www.xunta.es/linguagalega/noticias/2099
http://www.xunta.es/linguagalega/20_aniversario_equipos
Ningún comentario:
Publicar un comentario