venres, 13 de xaneiro de 2012

Lanzan a aplicación TradutorGalego para Android

O equipo creador do ConxuGalego e o DicionarioGalego ten entre mans unha nova aplicación que dar a coñecer. Trátase da aplicación TradutorGalego para Android, unha ferramenta que permite traducir textos do galego ao español, catalán, inglés ou francés, e viceversa. Constitúe, segundo nos contan os responsábeis do seu desenvolvemento, “a primeira aplicación deste tipo, sobre todo tendo en conta que está orientada e centrada no galego”. É unha ferramenta de balde, e posibilita a tradución de palabras e textos de até 2500 caracteres.
Ademais, inclúe unha función de ditado, coa que os usuarios da aplicación non teñen nin sequera teñen que escribir os textos, senón que os poden dicir en voz alta. O recoñecedor automático de fala do dispositivo transcribirá o que diga, e cun só click obterá a tradución. Tamén permite copiar textos de calquera páxina web visitada dende o teléfono e pegalos para traducilos de xeito directo, contan.
Trátase da terceira aplicación sobre a lingua galega que publican Sabela Barreiro, Xurxo Méndez e Juan Porta nos últimos 30 días, tras ConxuGalego e DicionarioGalego. Ao seu xuízo, a aplicación TradutorGalego pode ser de “grande utilidade, sobre todo a nivel educativo, e entendemos tamén que supón o achegamento das novas tecnoloxías á lingua galega”. Así, as tres aplicacións xuntas “constitúen, dalgún xeito, unha unidade, unha especie de suite de aplicacións da lingua galega para o móbil”. Por isto decidiron xuntalas de xeito conceptual no que se deu en chamar GalApps: toda a lingua galega no teu peto.

Máis información en:
http://codigocero.com/Os-creadores-de-ConxuGalego-lanzan

Ningún comentario:

Publicar un comentario