Neste ano que comeza conmemórase o centenario do nacemento do poeta celanovés Celso Emilio Ferreiro. Con este motivo o Parlamento de Galicia decidiu por unanimidade declarar o 2012 Ano Celso Emilio Ferreiro.
A Xunta de Galicia iniciou o 4 de xaneiro en Celanova os actos desta celebración, coincidindo co centenario do seu nacemento. Cen poemas en Celanova constitúe a primeira iniciativa que desenvolverá o Goberno galego, en colaboración con diversas entidades, para celebrar esta efeméride. No marco desta acción, un cento de establecementos da localidade ourensá exhibirán nos seus escaparates, durante todo o ano 2012, outros tantos poemas de Celso Emilio para achegarlle ao público o máis significativo da obra do escritor. A iniciativa completarase coa edición especial dunha obra que, ademais de repasar a biografía do poeta, inclúe os cen poemas seleccionados e un plano de situación cos establecementos que participan no proxecto.
En paralelo á homenaxe institucional da Xunta, a asociación cultural Arraianos presentou o 7 de xaneiro, na Casa dos Poetas de Celanova, o monográfico Celso Emilio fai 100 anos, coordinado por Aser Álvarez. Poetas como Manuel Vilanova, Miro Villar, Baldo Ramos e Benedicto García; críticos como Armando Requeixo e o biógrafo Ramón Nicolás; Xesús Alonso Montero, Xosé Luís Méndez Ferrín, Quessada ou Isaac Díaz Pardo son algúns dos 19 colaboradores, directamente ou por cesión de obra, nesta nova publicación. O pequeno volume, do que se editaron 500 exemplares, inclúe ademais dous poemas inéditos sen título, un en galego e outro en castelán; e mais un CD onde O García, O Vero e O Leo –na súa formación Labregos do Tempo dos Sputniks– fan seu O meu reinado.
Así mesmo, o Consello da Cultura Galega fixo pública unha gravación na que o autor fai un repaso da súa biografía. A gravación que agora se publica fora editada polo Consello na serie As nosas voces en formato casete. O son procede das entrevistas que María Xosé Porteiro e Xosé Antonio Perozo realizaran para o seu libro Celso Emilio Ferreiro, compañeiro do vento e das estrelas, e que fora editado polo Arquivo Sonoro de Galicia. Pódese consultar a gravación na seguinte ligazón:
http://www.culturagalega.org/noticia.php?id=20181
Máis información sobre os actos da Xunta en:
http://www.xunta.es/linguagalega/noticias/2115
Máis información sobre os actos da asociación Arraianos en:
http://www.elpais.com/articulo/Galicia/asociacion/Arraianos/abre/homenaje/civil/Celso/Emilio/Ferreiro/elpepuespgal/20120108elpgal_10/Tes
http://www.farodevigo.es/sociedad-cultura/2012/01/08/monografico-centenario-celso-emilio-ferreiro-revela-poemas-ineditos/612444.html
http://www.laregion.es/noticia/189957/arraianos/celebran/cumpleanos/celso/emilio/
http://www.crtvg.es/tvg/informativos/100-anos-do-nacemento-de-celso-emilio-ferreiro-209315#.TwqoUXrp5iQ
Ningún comentario:
Publicar un comentario