venres, 13 de xaneiro de 2012

Presentouse o Dicionario xurídico galego

O 12 de decembro presentouse en Santiago de Compostela a obra Dicionario xurídico galego, coordinada polos maxistrados Xosé Xoán Barreiro Prado e Luciano Varela Castro. O dicionario foi promovido pola Revista Xurídica Galega e pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, e edítano conxuntamente a Xunta de Galicia e mais Edicións Xerais de Galicia.
O Dicionario xurídico galego recolle unha escolma de 2000 entradas nas que se presentan en galego normativo conceptos esenciais do Dereito, información crítica sobre a lexislación vixente en España e, de xeito especial, termos e institucións propias do Dereito Civil de Galicia. A obra foi redactada, baixo a coordinación de Luciano Varela Castro e Xosé Xoán Barreiro Prado, por 120 autoras e autores, organizados nas áreas de Dereito Administrativo, Dereito Civil común e de Galicia, Dereito do Traballo e da Seguridade Social, Dereito Financeiro e Tributario, Dereito Internacional, Dereito Mercantil, Dereito Notarial e Rexistral, Dereito Penal, Dereito Procesual e Teoría do Dereito e Dereito Constitucional. Tamén colaboraron co seu labor de supervisión un equipo de catro lingüistas coordinado por Manuel González, membro da Real Academia Galega e coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
O Dicionario Xurídico Galego constitúe unha ferramenta de grande utilidade para avanzar na difusión do galego e tamén na calidade lingüística no ámbito xurídico. Este novo recurso facilitaralles aos profesionais da xustiza o exercicio da súa a actividade en galego, pero tamén é de utilidade para calquera persoa interesada en coñecer o significado dos conceptos esenciais do Dereito.

Máis información en:
http://www.xunta.es/linguagalega/noticias/2093

Ningún comentario:

Publicar un comentario