“Toda a lingua non teu peto”, así definen no seu web os creadores de GalApps as utilidades das aplicacións que deseñaron para Android. Trátase dun conxugador de verbos, dun dicionario e dun tradutor automático. Detrás disto están Xurxo Méndez e Juan Porta, dous enxeñeiros informáticos de 28 e 29 anos que traballan na Universidade da Coruña, e Sabela Barreiro, deseñadora gráfica de 27 que achegou todo o aspecto visual ao proxecto, así como a súa colocación en redes sociais.
Todo comezou co Conxugalego: “É un programa que conxuga verbos en galego, tanto regulares como irregulares. Metes o infinitivo e sáeche toda a conxugación”, explica Xurxo, pai do invento xunto a Sabela. Para elaborar esta aplicación para móbiles aproveitaron un software libre que crearan na Universidade de Santiago. Isto ocorría no mes de novembro pasado. E, en dous meses, xa coa axuda de Juan, sacaron un dicionario.
E para rematar chegou o tradutor, que pasa calquera termo que se lle introduza do galego ao español, catalán, inglés ou francés, e viceversa: “ Ten unha grande utilidade desde o punto de vista turístico para os visitantes, porque ademais ten un speech to text, é dicir, que lle falas ao teléfono en inglés e tradúcecho en texto ao galego”, conta Xurxo.
Trátase, pois, dun paquete lingüístico sen precedentes ao que lle quixeron dar unha identidade propia e unitaria, “de aí o de GalApps, o nome baixo o que englobamos as tres aplicacións, e esa interface mimética para as tres, para que tivesen unha mesma identidade”, razoa Xurxo. Ata estando nunha aplicación dáche oportunidade de derivar cara a outra, “é dicir, que se un busca a conxugación dun verbo pode acceder á súa tradución de modo inmediato”, relata Juan.
Polo momento, as GalApps están dispoñibles exclusivamente para Android, aínda que os seus creadores xa están a traballar na súa versión para IPHONE e IPAD.
Pódese acceder ao conxunto das aplicacións no portal GalApps. [Cómpre ter acceso a internet.]
Información tirada de La Voz de Galicia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario