mércores, 2 de marzo de 2016

Case un 16% dos nenos sofre fracaso ou abandono escolar en Galicia

Cáritas alerta de que a pobreza pode "ampliar por cinco" estes fenómenos. "Máis aló de se estamos a saír ou non da crise, o que está claro desde o punto de vista da pobreza é que hai unha cronificación e fraxilidade social moi importante e severa", apunta o secretario xeral deste organismo.

Baixou un pouco, pero as cifras seguen sendo importantes e superiores á media europea. O fracaso e o abandono escolar sitúanse agora nun 15,7%, un 7% menos que no inicio da crise, segundo un informe da Fundación Barrié.
O presidente desta fundación, José María Arias, destaca que, a pesar desta baixada, e tendo en conta os obxectivos da Unión Europea, "baixo ningún concepto se debería superar a taxa media dun 15% en abandono escolar", indicou tras a firma con Cáritas dun convenio para reducir o abandono e o fracaso escolar de menores de familias en situación vulnerable en Galicia. Un acordo polo que facilitarán tutorías e apoio económico en material escolar ou libros.
Pola súa banda, o secretario xeral de Cáritas Española, Sebastián Mora, advertiu da "correlación directa" entre a pobreza e o fracaso escolar que "podería ampliar por cinco" o abandono dos estudos e desencadear unha transmisión interxeneracional desta situación.
Tamén lembrou o recente informe da OCDE sobre educación en Europa e apuntou esa "correlación directa" entre pobreza e fracaso escolar, que deriva ademais nunha pobreza infantil con datos que revelan que un de cada catro nenos en España está por baixo deste limiar.
"Máis aló de se estamos a saír ou non da crise, o que está claro desde o punto de vista da pobreza é que hai unha cronificación e fraxilidade social moi importante e severa", indicou.

Ningún comentario:

Publicar un comentario