venres, 4 de marzo de 2016

Até 300 escolares coñecerán en marzo o funcionamento de Meteogalicia e da súa web

Meteogalicia presentou onte as actividades para este mes de marzo, algunhas delas moi ligadas co ámbito TIC (por exemplo cos novos servizos e funcionalidades incorporados a meteogalicia.es). Segundo fixeron saber fontes do servizo autonómico, recibirá ao longo destas catro semanas un total de 303 alumnos de diferentes centros de ensino e colectivos de Galicia repartidos en 8 grupos. As visitas, de feito, comezaron esta semana coa acollida de medio cento de nenas e nenos de 5º e 6º de Primaria do CEIP San Xosé Obreiro de Arteixo e máis un grupo de 22 alumnos do mesmo curso do CEIP Mestre Rodríguez Xixirei, de Santiago.
As actividades proseguirán o día 8 (IES do Milladoiro de Ames), o 9 (ASPACE Coruña), o 15 (IES do Milladoiro), o 16 (CEIP Sigüeiro de Oroso), o 29 (CEIP Raíña Fabiola de Santiago) e o 30 (CEIP Infante Felipe Borbón, de Salvaterra do Miño)
Nestes encontros, amais de amosar o funcionamento e os sistemas de predición de Meteogalicia, aproveitarase para explicar aos visitantes a optimización levada a cabo na web do servizo meteorolóxico galego, que consiste na posta en marcha dun sistema de elaboración automática de comentarios na predición a curto prazo específico para cada concello e que xa está dispoñíbel na páxina de seu. Segundo informan dende Meteogalicia, este reforzo a información é froito da colaboración entre o servizo meteorolóxico autonómico e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) para mellorar a información sobre a predición meteorolóxica dos concellos que se ofrece a través da páxina web. Grazas a el, as notas explicativas ofrecen o prognóstico meteorolóxico e o índice de calidade do aire en cada concello galego, entre outras cousas. O comentario xérase de xeito automático a partir da aplicación GALiWheather, empregando para isto técnicas de intelixencia artificial e xeración de linguaxe natural.

Ningún comentario:

Publicar un comentario