A Xunta pide ao Goberno central que naves e galpóns non computen para pedir bolsas.
Medio Rural e Educación reclaman unha "excepción" nos baremos do patrimonio para as axudas a estudos - Alegan que supón un "claro prexuízo" aos alumnos do rural.
Así o acordaron durante unha reunión mantida onte os conselleiros de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e de Medio Rural, Román Rodríguez e Ángeles Vázquez, respectivamente, despois de que no marco do plan de inspección de Facenda 2013-2016 e da revisión catastral finalizada xa en 90 concellos, este tipo de construcións pasen a pagar o IBI do que ata agora estaban exentas. Na carta que remitirán a Ministerio de Educación, o Executivo galego pedirá que edificacións como galpóns, naves, cortellos, alpendres ou granxas non computen como segunda vivenda.
Os sindicatos agrarios denunciaron hai xa semanas esta situación, advertindo de que os fillos de agricultores e gandeiros terán máis dificultades para demandar estas axudas porque se crea un patrimonio ficticio que impide cumprir un dos limiares patrimoniais que fixa o Ministerio de Educación. Esta norma recolle que as sumas dos valores catastrais das leiras rústicas da familia dividido entre o número de membros non pode superar os 13.130 euros por cada un. Unións Agrarias denuncia que ao aflorar os valores de naves e galpóns asociados á actividade agraria ínflase ese patrimonio e iso supón "un lastre" para acceder ás bolsas "a pesar de que na realidade a actividade no campo apenas deixa beneficios ás familias".
O Goberno galego entende que a consideración de galpóns, alpendres e naves como computables no patrimonio familiar á hora de baremar a puntuación para obter bolsas como a do Ministerio de Educación supón un "claro prexuízo" para os estudantes do rural, especialmente naquelas familias dedicadas á actividade gandeira e para as que posúan este tipo de construción en chan urbano. Nestes casos, as construcións agrícolas ou gandeiras computan como segunda vivenda. Por iso, os conselleiros de Medio Rural e de Educación conclúen que tendo en conta que o gandeiro e agrícola é un dos "sectores básicos" da economía galega, "é necesario chamar a atención do Goberno central sobra a necesidade de facer unha excepción no caso específico deste colectivo á hora de percibir axudas".
Desde a Xunta reiteran a necesidade de apoiar a estas familias "no difícil momento polo que atravesa o sector", aínda que segundo apuntan, "en vías de solución".
A carta que enviarán desde a Xunta ao Ministerio de Educación prodúcese días despois de que o Catastro concluíse a inspección de bens ocultos nun total de 90 concellos galegos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario