mércores, 14 de outubro de 2015

Uns trinta nenos e outros tantos profesores participaron no Scratch Day do CPETIG

Finalmente celebrouse 10 de outubro o evento formativo e divulgativo Scratch Day organizado polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) en colaboración coa axencia autonómica AMTEGA. Na cita, que serviu para difundir os valores da programación informática na comunidade escolar (nenas e nenos, nais e pais, profesorado), participaron uns trinta rapaces (de entre sete e quince anos) e outros tantos mestres compartindo coñecementos e tirando partido da ferramenta Scratch, un recurso informático moi acaido para a introdución das novas xeracións nos conceptos básicos de como construír e desenvolver programas.
Segundo informan os organizadores, os participantes “puideron acceder de forma lúdica ao mundo da programación, tomando conciencia da potencia desta ferramenta como medio de expresión das ideas propias e como medio de emprendemento”. Ademais, sinala o CPETIG, “a implicación e a concienciación dos pais neste ámbito serviu de apoio para que os rapaces se sentisen atraidos cara á programación informática, de forma que esta actividade organizada polo CPETIG non sexa unha excepción, senón o principio dun labor para seguir no fogar”.
De forma paralela levouse a cabo unha acción formativa en Scratch destinada ao profesorado. Esta actividade, serviu como formación a trinta profesores ao abeiro do programa Aprendo programando incluído no Plan Proxecta, dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, presentado polo CPETIG, en colaboración con AMTEGA.
A xornada tivo como obxectivos xerais “eliminar mitos en relación á programación informática, dar a coñecer a contorna da programación Scratch e aprender a desenvolver videoxogos con esta ferramenta informática”. Ademais, con esta actividade preténdese difundir as posibilidades que poden ofrecer as TIC, especialmente en idades temperás e contribuír, así, a reducir a fenda dixital.
No Scratch Day contouse coa participación das asociacións Programamos, que impartiu a formación a rapaces e pais, e Código Octopus, que contribuíu á formación ao profesorado. Lembrar que Programamos é unha asociación sen ánimo de lucro cuxo obxectivo fundamental é promover o desenvolvemento do pensamento computacional dende idades temperás a través da programación de videoxogos e aplicacións para móbiles en todas as etapas escolares, desde educación infantil ata formación profesional.
Código Octopus, pola súa banda, é unha fonte de recursos en galego para o profesorado con bases en calquera materia que se desexe introducir á programación na docencia. Conta con material para aprender a programar en Scratch en Educación Primaria e Educación Secundaria e proximamente para desenvolver proxectos de S4A: Scratch for Arduino. Tras este proxecto atópase un grupo de profesorado de tecnoloxía do sistema educativo galego.

Ningún comentario:

Publicar un comentario