venres, 16 de outubro de 2015

Un cento de estudantes de Brión metéronse de cheo nos segredos da programación

Un cento de rapaces e rapazas do IES Brión, de 13 e 14 anos de idade, participaron esta mañá nos obradoiros Día do código no teu cole. Educar para innovar, incluídos na terceira edición da Semana Europea da Programación. Trátase dunha iniciativa organizada pola Deputación da Coruña, en colaboración coa Universidade da Coruña e o Concello de Brión. Iolanda Bouzas, alcaldesa en funcións e concelleira de Ensino de Brión, e Cristina Couto, responsábel de Información e Xestión de Europe Direct A Coruña, déronlle a benvida aos seis grupos de escolares do concello que participaron na actividade. Bouzas fíxolles saber que o obxectivo deste programa “é achegarvos ao mundo da programación e que vexades que é moito máis sinxelo e divertido do que pode parecer”.
Durante case unha hora as rapazas e rapaces tiveron oportunidade de dar forma a un videoxogo no que unha quenlla procuraba peixes no leito mariño. O xogo foi construído coa ferramenta de programación Scratch, moi acaida (pola súa sinxeleza e polos elementos intuitivos que pon en xogo) para introducir ás novas xeracións nos conceptos básicos da construción de programas. Segundo informan os organizadores da actividade, os participantes puideron comprobar como tirando partido da tecnoloxía “é posíbel converter calquera elemento no mando dun videoxogo”. A experiencia, engaden, “foi moi positiva e participativa”.
As docentes de Europe Direct A Coruña, centro oficial de información da Comisión Europea dependente da Deputación herculina, explicaron aos rapaces que este tipo de seminarios forman parte da ensinanza regulada en Estados Unidos dende 1996. O IES Brión foi un dos tres centros escolares seleccionados na provincia para participar na Semana Europea da Programación, canda o IES A Cachada (Boiro) e o IES Isidro Parga Pondal (Carballo).

Ningún comentario:

Publicar un comentario