venres, 23 de outubro de 2015

Máis de 73.000 fogares en Galiza teñen todos os seus membros en paro

A EPA aponta a un mercado laboral galego no que continúan a aumentar os índices de temporalidade e no que segue a descender a poboación activa.

“Nin creando nin destruíndo emprego frea a sangría de perda de poboación activa en Galiza”; afirma a CIG, que lembra que neste último trimestre o descenso da poboación activa afectou a 500 persoas,.
“Atopámonos cunha perda constante de poboación e cun elevado índice de envellecemento. Os datos da EPA do último trimestre amosan que esta problemática segue a agravarse, xa que o descenso só afecta á poboación menor de 40 anos; só no último trimestre descendeu o número de activos/as de entre 30 e 40 anos en 8.700, mentres que a partir desta idade a poboación medra”, sinala o sinsicato nacionalista..  A CIG tamén informa que o número de vivendas con todos os seus activos parados chega até as 73.100 neste último trimestre.
O secretario confederal de Emprego e Industria da CIG, Miguel Malvido, alerta sobre a cada vez máis alta temporalidade e precariedade do emprego, o que na súa opinión “fai que moitas persoas non poidan ter unha vida digna a pesar de contar cun posto de traballo”. Neste senso, considera moi preocupante o feito de que tan só un 3% das persoas que son novas asalariadas no terceiro trimestre do ano prestaron a súa actividade logo de asinar un contrato indefinido.

Ningún comentario:

Publicar un comentario