martes, 27 de outubro de 2015

Reabre escola rural abandonada con espazo educativo en galego

Narón acolle a terceira Semente de Galicia, promovidas por pais interesados en que os seus fillos reciban educación adaptada as súas necesidades.

Semente Trasancos, un espazo onde os meniños e meniñas xogan e aprenden inmersos na lingua galega, leva aberto con actividades diarias este mes de outubro. Para celebralo este domingo organizaron unha xornada de portas abertas con contos, xogos e a actuación dos acordeonistas Xende e Xalo.
Inspirado por proxectos similares en Santiago e Vigo, o espazo educativo desta asociación sen ánimo de lucro é por fin unha realidade. Despois de dous anos de traballo abre as portas en San Mateo (Narón) grazas a que o Concello de Narón cedeu as instalacións dun antigo colexio rural.
Neste lugar a Semente de Trasancos conta cun espazo amplo ao ar libre, unha aula gatronómica e dúas aulas onde as crianzas móvense con liberdade e respéctase o ritmo de cada unha. Velaquí unha entrevista cos promotores da iniciativa no que explican o seu proxecto educativo.
As sementes de Santiago, Vigo e Trasancos colaboran nunha rede de escolas de ensino en galego que considera as aulas no idioma propio unha acción clave para o mantemento da cultura e identidade do país. A primeira naceu en Santiago da man da Gentalha do Pichel e están inspiradas por escolas creadas a comezos do Século XX polas Irmandades da Fala.

Ningún comentario:

Publicar un comentario