xoves, 29 de outubro de 2015

Ciudadanos presenta a súa moción para denunciar a "exclusión" do castelán no Concello de Ferrol

Ciudadanos (C's) confirmou este mércores en Ferrol que mañá xoves defenderá unha moción no pleno para que o galego deixe de ser a lingua oficial no Concello. Fíxoo  na súa primeira rolda de prensa do mandato municipal e para dar conta, tamén, da súa primeira iniciativa, a "relativa á adopción de medidas oportunas para restablecer a situación de legalidade vulnerada pola aprobación da Ordenanza de Normalización Lingüística do 27 de xuño de 1997" e na que o partido laranxa pide a derogación de seis artigos desta normativa aprobada hai case vinte anos polo goberno popular de Juan Blanco.
Ciudadanos cre que a ordenanza vulnera artigos da Constitución, o Estatuto e a Lei de Normalización
A única concelleira de C's no Concello, Ana Rodríguez Masafret, insiste en que varios puntos do documento "vulneran de forma flagrante" artigos tanto da Constitución, como do Estatuto de Autonomía e mesmo da Lei de Normalización Lingüística, normas que, lembra, "son moi superiores a unha ordenanza".
Ciudadanos pide que se suprima o artigo que indica que "o galego, como lingua propia de Galicia, é o idioma oficial do Concello de Ferrol" ou outro no que tamén se indica que "as actuacións administrativas realizadas en galego en territorio municipal terán plena validez e eficacia". Tamén se solicita a anulación de artigos que teñen que ver coa promoción e impulso do galego por parte de empresas ou entidades que presten servizos públicos municipais por concesión, arrendamento ou concerto; coa posibilidade de comunicación na lingua propia con administracións, ademais de en castelán; así como o que incorpora entre os criterios para a selección de persoal dos coñecementos mínimos do idioma de Galicia.
Ciudadanos denuncia a "exclusión" que estaría a sufrir o castelán no Concello de Ferrol
Rodríguez Masafret avoga polo "dereito a elixir o idioma no que expresarse" e polo "bilingüismo" e destaca que hai "dous idiomas en  uso e cooficiais". Ademais, cre unha "lástima" que non poidan "confluír dous idiomas de forma igualitaria e equilibrada" e descarta que Ciudadanos queira "excluír" algún deles. "En absoluto", dixo quen, no entanto, denuncia a "exclusión que ata a data se produciu" co castelán e insiste en que quere que a cidadanía ferrolá poida "elixir o castelán como medio de comunicación propio".
A edil de C's advertiu tamén que esta moción vai "en consonancia co programa electoral" da formación que lidera Albert Rivera que, segundo dixo, analiza xa se levar propostas semellantes a outros concellos onde teñen representación, como é o caso de Pontevedra ou Lugo, sempre que comproben as supostas irregularidades que denuncian.
A formación laranxa medita se levar a cabo propostas semellantes noutros concellos onde ten representación
Como recordou Masafret, o texto baséase nunha sentenza do ano 2006 do TSXG na que se declaraban ilegais varios arigos da ordenanza do Concello das Pontes, e que é "idéntica" á de Ferrol, segundo a moción. Daquela, a normativa pontesa fora impugnada pola Delegación do Goberno por considerala inconstitucional. O TSXG engadira ademais que a ordenanza vulnera tamén o Estatuto de Autonomía. Ciudadanos, porén, descarta que o caso acabe na xustiza, a non ser que o faga algún cidadán o faga a título particular.
A organización Galicia Bilingüe xa emendara ordenanzas semellantes, como a que fora aprobada en Lugo por BNG, PSdeG e PP en 2012. Precisamente, Ciudadanos apoiara esta asociación na polémica manifestación contra a normalización da lingua galega en 2009. Malia todo, Masafret nega que a súa proposta sexa "expresión dun malestar concreto" que percibise entre a cidadanía, senón a "moitos anos en confrontación coa lei" e alude a algún escrito de "protesta" presentado por algún ferrolán. "Usar un idioma ou outro é un dereito do cidadán e non do territorio", insiste quen nega que a moción "teña que ver co período electoral", pero que insiste nunha "vulneración clara" da lei por parte da ordenanza.
Agás sorpresa maiúscula, todos os grupos políticos rexeitarán a moción. O BNG xa acusara a Ciudadanos de pretender "converter a vítima en verdugo" e de seguir as posturas de Galicia Bilingüe, mentres que o alcalde, Jorge Suárez, cualificou de "fóra de lugar" a proposta e lembrou o necesario "impulso" e "discriminación positiva" que precisa o galego. O PP ten previsto tamén unirse á postura  maioritaria a prol da ordenanza.
"Aínda queda moito por facer para que o galego sexa realmente lingua oficial en Ferrol", di A Mesa
A Mesa pola Normalización Lingüística, pola súa banda, insta o Concello de Ferrol a "redobrar os esforzos para a aplicación da ordenanza municipal de normalización" e lembra que "aínda queda moito por facer 'para que o galego sexa realmente lingua oficial" na cidade.
“As propostas baseadas en falsidades e prexuízos contra Galiza e o galego, como a do grupo municipal de Ciudadanos para reducir aínda máis a presenza do galego só merecen rexeitamento absoluto”, asegurou Marcos Maceira, presidente d'A Mesa, organización que remitiu a todos os grupos unha serie de propostas para o "impluso e aplicación efectiva da ordenanza". "Estas medidas están baseadas nas xa recollidas pola propia ordenanza e o PXNL aprobad por unanimidade polo Parlamento", advirten.

Ningún comentario:

Publicar un comentario