martes, 27 de outubro de 2015

Os Bolechas xa están no universo .gal

Estrean web con novas seccións onde descargar libros, xogar, material didáctico e ata ver as series destes simpáticos debuxos creados por Pepe Carreiro.

Os Bolechas xa teñen nova web dentro do universo .gal, www.osbolechas.gal. Trátase dunha páxina completamente renovada que reúne todo o material esparexido ata o momento en diversos sitios web e incorpora novos servizos e contidos dirixidos tanto aos seguidores da popular familia como a aqueles que se achegan por vez primeira aos Bolechas.
 
Así, a nova páxina web inclúe un apartado con información sobre as personaxes e o autor, Pepe Carreiro, pero tamén sobre o universo bolechas: a serie de televisión, a caravana, concursos, xoias, música, talleres etc. Tampouco falta unha sección de noticias, onde se poden consultar todas as publicadas desde o ano 2012 así como as novas que se van incorporar nesta nova andaina dixital. E, por suposto, hai zona de xogos, con actividades para toda a familia con distintas habilidades e niveis de dificultade. Non falta a popular granxa dos Bolechas nin os debuxos para colorear, e inclúense diversos “Sabichóns”, sopas de letras, crebacabezas etc.
 
Tamén cobra especial protagonismo a área didáctica, ata agora presente nalgunhas páxinas temáticas dos Bolechas e que nesta nova web conta cun espazo propio debido á grande acollida das propostas presentadas ata o momento, como as unidades didácticas de hábitos saudables, de seguridade viaria ou do Entroido. Trátase de material educativo elaborado conxuntamente por pedagogos e profesionais de cada temática e destinado a escolares de educación infantil e primaria. Esta sección, coma o resto, irá ampliándose co tempo con novos contidos e materiais, de xeito que sexa un espazo vivo e activo onde nais, pais e educadores poidan acudir frecuentemente para xogar e aprender cos cativos da man dos seus personaxes favoritos.
 
A estas seccións únese a de descargas, onde se pode acceder a diverso material ofrecido polos Bolechas nos últimos anos con motivo de diversas celebracións: día da nai, día do pai, samaín etc. Outras grandes novidades da web son a área de libros –onde se poden consultar as novidades editoriais ou acceder ao “libro fala”– e a Canle TV. Este espazo responde ás peticións dos seguidores dos Bolechas por ter os capítulos da serie de televisión dispoñibles en rede. A partir de agora, todas as nenas e nenos poderán ver Os Bolechas cando e onde queiran, ademais de acceder a outros contidos audiovisuais, como espectáculos, anuncios, vídeos musicais etc.

Ningún comentario:

Publicar un comentario