luns, 26 de outubro de 2015

Ciudadanos pide que o galego deixe de ser a lingua oficial do Concello de Ferrol

Unha moción do partido de Albert Rivera procura derrogar varios artigos da ordenanza de normalización lingüística de 1997, denuncia o BNG, coa desculpa da “imposición do galego”.

Unha moción de Ciudadanos para o debate no pleno do Concello de Ferrol, onde este partido ten 1 concelleira, procura derrogar varios artigos da Ordenanza de normalización lingüística do 27 de xuño de 1997, denuncian desde o BNG da cidade departamental. Na súa proposta, apontan os nacionalistas, Ciudadanos pide que se supriman até 6 artigos da actual ordenanza, entre eles o que indica que o galego, como lingua propia de Galiza, é o idioma oficial do Concello de Ferrol ou que as actuacións administrativas realizadas en galego en territorio municipal terán plena validez e eficacia.
Na súa proposta Ciudadanos pide que se supriman até 6 artigos da actual ordenanza de normalización lingüística
Eva Espiñeira, concelleira do BNG, afirmou que con esta proposta Ciudadanos procura converter á vítima en verdugo, e situou esta iniciativa na liña de asociacións como Galicia Bilingüe. “A realidade paralela e inventada sobre a imposición do galego non ten nada que ver coa realidade existente. A actual situación do galego é cada vez máis dramática, e os datos móstrannos que o monolingüismo en castelán segue medrando entre os galegos e galegas, mentres a porcentaxe de nenos e nenas que non falan nunca o galego incrementouse nos últimos anos en 18 puntos. Só un 13% dos nenos se expresan en galego”.
Cumprimento da Ordenanza
De por parte, o BNG considera que o actual goberno municipal de Ferrol "carece dun compromiso real e efectivo" coa promoción do galego e instouno a desenvolver unha acción decidida para lograr "unha normalización real da lingua galega no concello de Ferrol".

Ningún comentario:

Publicar un comentario