martes, 20 de outubro de 2015

CEAPA rexeita acudir a unha cita co Ministro de Educación que só foi convocada para que este teña unha foto de precampaña cos representantes das familias

O día 16 de outubro CEAPA comunicou ao Ministerio de Educación a súa decisión de non asistir a unha cita co Ministro, xa que os representantes das familias non están para dar fotos preelectorais a ningún Goberno, porque iso é o único que buscan neste momento os responsables ministeriais. CEAPA só acode a reunións nas que se fale de temas importantes para a educación e para as familias da escola pública, cun contido adecuado e onde sexa escoitada a súa voz. Aínda non se decataron de que son as persoas que asumen cargos políticos os que están ao servizo da cidadanía para atender as súas necesidades e non esta a que deba satisfacer as urxencias dos políticos de quenda. Moito menos se estas urxencias son para gañar imaxe pública tentando vender un diálogo que non existe ao achegarse unhas eleccións nas que queren volver enganar á cidadanía tentando convencerlles de que cambiaron e agora si escoitan. Algo que non pode ser máis falso e afastado da realidade.
No últimos catro anos asistimos aos ataques descalificadores dun Ministro de Educación, o señor Wert, que se permitiu o luxo de reunirse unha única vez cos representantes das familias, para contarnos as “excelencias” da contrarreforma educativa que quería impoñer e que impuxo, contestándonos que podiamos opinar sobre a mesma pero que para el era irrelevante o que dixésemos, como logo quedou demostrado. É máis, CEAPA enviou ao entón Ministro un documento con 40 propostas para mellorar o noso sistema educativo e o Ministerio negou mesmo recibilo. E non lembraremos a ristra de cualificativos despectivos que nos dedicou nos seus anos de Ministro. Xa é pasado e mellor que sexa así.
Despois de tres nefastos anos, o Presidente do Goberno cambiou de caras pero non de formas nin de fondo, nomeando un novo Ministro, o señor Méndez de Vigo, que pensa exactamente o mesmo e demostrouno. Asistiu ao Pleno do Consello Escolar do Estado, soltou o seu discurso que nos deixou, canto menos, perplexos falando de consenso e diálogo e marchouse axiña que o terminou para evitar escoitar á Comunidade Educativa alí representada. Despois, acudiu ás xornadas que convocou o Ministerio sobre convivencia escolar, e repetiu a xogada, realizando ademais na súa intervención unha afirmación rotundamente falsa ao dicir que se reuniu coas familias, sendo que estas non tiveron reunión algunha co mesmo ata a data.
E agora, para rematalo, convoca aos representantes dos pais e nais, entre os que se atopa CEAPA como a organización estatal máis representativa, para facerse unha foto co obxectivo que mencionamos. Durante días cruzamos correos e chamadas coas persoas que tiñan que pechar a reunión. A formulación era sinxelo de entender: o Ministerio quere que veña a Presidencia de cada organización; ímoslles a contar algo que temos previsto; e facémonos a foto. A resposta de CEAPA tamén foi clara: non enviamos a unha única persoa a unha reunión co Ministro de Educación, xa que non somos unha organización presidencialista e ademais sempre tentamos visibilizar que somos unha organización de pais e nais ao acudir, polo menos, unha persoa de cada sexo; e somos voluntarios que non deixamos as nosas obrigacións familiares e laborais para reunirnos sen unha orde do día previo para saber de que imos falar e poder preparar as reunións. O noso tempo é moi valioso e non permitimos que ninguén o malgaste.
A negativa reiterada a que puidese acudir máis dunha persoa, abandonouse só cando CEAPA confirmou que nesas condicións non asistiría, ao recibir como resposta un correo no que podía lerse (sic) “cambiamos o formato da reunión na que ademais do Ministro e o Secretario de Estado de Educación, Formación Profesional e Universidades, asistirán o Director Xeral de Formación Profesional, e o de Avaliación e Cooperación Territorial polo que poderá asistir acompañado á mesma”. Con todo, a orde do día segue sen aparecer. O único que se sabe é que a reunión será breve, cunha intervención do Ministro á que seguirá unha rolda de prensa e, como non, a foto da mesma ante os medios de comunicación.
CEAPA xa trasladou ao actual Secretario de Estado de Educación, Formación Profesional e Universidades, o señor Marín, nunha reunión mantida o día 14 de xullo, as inquietudes que preocupan ás familias da escola pública, das cales, supostamente, tomou nota para preparar unha reunión co Ministro. Desde entón, nada. Nin se produciu a reunión, nin se trasladou a CEAPA reflexión algunha do MECD sobre todo o achegado ese día. Agora, cando xa algúns entraron en precampaña, pídennos acudir para facer unha foto. Para conseguila, recomendamos ao Ministerio usar fotos nosas e un programa como o Photoshop, xa que será a única maneira de obter unha imaxe dos representantes de CEAPA na que estes poidan aparecer mudos e facendo de palmeiros dun Ministro, sexa do signo político que sexa este.
CEAPA quere deixar claro que sempre estivo, está e estará disposta a traballar en beneficio da educación e por tanto de toda a sociedade. Realizou achegas a todas as normativas en materia de educación e ségueo facendo no Consello Escolar do Estado, así como faio tamén en todos os órganos e foros de debate e intercambio onde é convidada a participar. CEAPA é unha organización que fai política educativa e social, e non está suxeita a partido político algún, esixindo a cada goberno que cumpra os mandatos constitucionais en materia educativa. E para manter unha reunión cos representantes de CEAPA a cuestión é moi sinxela: enviarnos unha convocatoria oficial e clara cos temas para tratar, nun recoñecemento real e sincero da representatividade de CEAPA e do papel que xoga na sociedade española; e respecto, o máximo respecto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario