xoves, 29 de outubro de 2015

ABANCA di que gañou máis de 200 millóns no que vai de ano

A entidade baseada en Galicia explica que obtivo ata setembro un resultado antes de impostos de 342 millóns de euros. O banco argumenta que este resultado susténtase no crecemento dos ingresos recorrentes, a boa evolución da marxe comercial, a melloría da calidade do crédito e a fortaleza dos ratios de capital e liquidez. O beneficio neto sitúase en 266 millóns de euros. 

Segundo os seus datos, o terceiro trimestre estivo marcado por novos crecementos da actividade con clientes minoristas, tanto na concesión de crédito como na captación de depósitos, e na comercialización de fondos de investimento, plans de pensións e seguros.
 
A intensa actividade do negocio principal da entidade traduciuse nunha mellora dos ingresos recorrentes: a marxe comercial aumenta por segundo trimestre consecutivo e os ingresos por prestación de servizos elévanse a 126 millóns de euros.
 
O banco di que logrou aumentar un 10% a marxe comercial respecto ao primeiro trimestre apoiado no incremento do volume e o control dos prezos. Os ingresos por prestación de servizos aumentan un 7,5% ata os 126 millóns de euros grazas ao bo ritmo de comercialización dos principais produtos de valor engadido. Os ingresos por comercialización de seguros incrementáronse nun 43% con respecto ao mesmo período do ano anterior. Os ingresos por pasivos fóra de balance avanzaron un 27% e por activos, un 19%. A rendibilidade do banco (ROE) sitúase no 8,82%.
 
ABANCA asegura que deu un novo impulso á concesión de crédito a empresas e familias. A entidade concedeu 7.889 millóns de euros en financiamento durante os nove primeiros meses do ano, o que supón un 84% máis respecto ao terceiro trimestre do exercicio anterior.
 
A taxa de morosidade continúa o seu descenso como consecuencia das medidas de recuperación dos clientes e do mellor contexto económico. Tras unha melloría do 31% interanual, a morosidade quedou situada no 9,5%.

Ningún comentario:

Publicar un comentario