xoves, 29 de outubro de 2015

Comeza GaliciaTIC amosando o potencial do noso sector para afrontar os retos da economía dixital

Hoxe celébrase no edificio CINC da Cidade Cultura a nova edición dun evento histórico dentro das nosas citas empresariais centradas no desenvolvemento das novas tecnoloxías dixitais. Falamos de GaliciaTIC, unha xuntanza que amosa os avances do noso sector tecnolóxico-dixital e que exerce tamén de emprazamento para o intercambio de coñecemento arredor da Sociedade da Información. O evento foi inaugurado a primeira hora da mañá pola directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, que recordou aos presentes a calidade e o carácter referencial dos devanditos avantes. Segundo fixo saber, os galegos contamos cun sector TIC capaz de afrontar os desafíos da economía dixital.
Pereira engadiu que os cambios económico-sociais e as novas tendencias tecnolóxicas precisan dun chimpo cualitativo no emprego das novas tecnoloxías, “o obxectivo de contribuír ao medre na Comunidade”. Ao fío disto, engadiu que este que vivimos é o intre xusto de “avanzarmos un paso máis na mellora do benestar dos cidadáns, potenciando o uso da tecnoloxía para ofrecerlles servizos que respondan mellor ás súas demandas e que se adianten ás novas tendencias económicas e sociais”. Pereira recordou tamén que a Administración autonómica está a apostar por “un modelo de crecemento vinculado á economía dixital”, que dea lugar ao desenvolvemento de “solucións innovadoras xeradoras de novas vantaxes competitivas para os axentes e empresas da nosa Comunidade”.
Volvendo a GaliciaTIC e ao seu desenvolvemento ao longo de hoxe, sinalar que os grandes eixes temáticos da presente convocatoria están en relación coa transformación dixital das organizacións (información masiva, servizos na nube para a mobilidade e Internet das Cousas, IoT) e tamén en relación coas tecnoloxías máis innovadoras que desenvolven empresas galegas. O obxectivo é “amosar as tendencias máis actuais nas tecnoloxías TIC, desde o punto de vista da oferta global, que sexan de interese para o sector empresarial e profesional, e melloren a experiencia do cliente”.
Segundo lembra a organización de GaliciaTIC, polas súas 12 edicións (dende 2003) teñen pasado prestixiosos oradores e especialistas internacionais de distintas áreas de TIC e compañías profesionais que ofrecen os mercados de TIC produtos de gran innovación e impacto, tanto en software e hardware e comunicacións.
Este ano GaliciaTIC conta co apoio directo de empresas e entidades como Emetel, Edisa ou o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG).

Ningún comentario:

Publicar un comentario