venres, 16 de outubro de 2015

A Deputación da Coruña expón en Bruxelas o seu proxecto para crear emprego rural a través das TIC

A Deputación da Coruña vén de amosar en Bruxelas o seu programa para dinamizar laboralmente o rural pola vía das TIC. O encargado de expoñer este vieiro de traballo foi o deputado responsábel da área de Promoción Económica e Emprego da Deputación da Coruña e alcalde de Brión, José Luís García. A cita foi este mércores 14, na sede da Fundación Galicia Europa na capital belga. En detalle, García debullou perante os responsábeis europeos as liñas de actuación do proxecto Parnet-TIC 2, que, como dixemos, desenvolve o ente provincial co obxecto de potenciar a creación de emprego no rural a través das novas tecnoloxías.
O relatorio do alcalde de Brión inseriuse na celebración da Semana Europea das Rexións e as Cidades (Open Days 2015), que até hoxe xunta na capital belga a representantes dunha chea de gobernos locais e autonómicos de toda Europa co obxectivo de compartir experiencias de xestión e boas prácticas.
José Luís García incidiu en que un dos principais obxectivos da Deputación da Coruña é “contribuír á fixación da poboación a nivel local, creando as condicións axeitadas para que a poboación das zonas rurais atope na súa contorna máis próxima os recursos precisos para o desenvolvemento da súa vida e das súas actividades profesionais e fique nestas zonas sen necesidade de desprazarse aos grandes centros urbanos”. Segundo fixo saber, o proxecto Parnet-TIC 2 pretende aproveitar “o marcado carácter rural dos nosos concellos e o seu gran potencial ambiental para a promoción de empregos verdes a través das novas tecnoloxías”, explicou o deputado coruñés, que subliñou que o sector conta actualmente cun gran potencial, “xa que España é o principal produtor de produtos ecolóxicos e orgánicos de Europa”. José Luís García tamén lembrou que a economía verde ten experimentado “un importante crecemento na última década” e distintos organismos internacionais “ven neste modelo produtivo unha boa opción para reducir a taxa de paro e contribuír á fixación de poboación no ámbito rural”.
Neste mesmo foro expuxéronse outras experiencias e modelos de integración e impulso ao ámbito rural desenvolvidas nas rexións de Sterea Ellada (Grecia), Veneto, Basilicata e Lazio (Italia), Braga (Portugal), Istria (Croacia), Opolskie e Pomorskie (Polonia), Escocia (Reino Unido) e Zeeland (Holanda).
Para quen queira afondar no seu coñecemento sobre Partnet-TIC 2, recordar que xa foi habilitado un vídeo no YouTube onde se bota luz acerca das súas liñas de actuación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario