mércores, 7 de marzo de 2012

Nova edición de cursos en liña preparatorios das probas Celga 1

02/03/2012
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, abre o prazo de inscrición na nova edición de cursos en liña preparatorios das probas de acreditación do coñecemento de lingua galega (Celga). A oferta formativa non presencial de cursos Celga inclúe tres cursos preparatorios do nivel Celga 1, que contan con 50 prazas cada un deles, e que se desenvolverán durante 10 semanas, desde o 26 de marzo ao 1 de xuño.
A Consellería ofrece desde 2010 estes cursos en liña para a preparación do Celga 1, no marco da súa aposta por esta modalidade, que lles facilita o acceso á formación a persoas que non teñen dispoñibilidade de tempo para acceder aos cursos presenciais e tamén á xente interesada na aprendizaxe da lingua galega noutras partes de España e do mundo. Isto promove a posibilidade de mobilidade laboral, a difusión exterior da lingua galega, e a igualdade no acceso á formación.
Esta oferta formativa de cursos preparatorios en liña do Celga complementa a oferta de formación presencial en lingua galega para persoas adultas da Secretaría Xeral de Política Lingüística para o 2012, que inclúe os cursos preparatorios presenciais para as probas do Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4 que se realizarán en diferentes concellos galegos e nas escolas oficiais de idiomas entre os meses de marzo, abril, maio e xuño.
O prazo de inscrición para os cursos, que son voluntarios e gratuítos, estará aberto ata o vindeiro 14 de marzo. As persoas interesadas en matricularse deberán enviar unha mensaxe electrónica ao enderezo sxpl.formacion@xunta.es na que figuren o seu nome e apelidos, o DNI, o enderezo electrónico e teléfono de contacto, o lugar de residencia e o nivel de estudos.

Máis información na páxina web da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario