O profesor da Universidade de Vigo Fernando Ramallo fixo un adianto dun informe que analiza a presenza do galego nas redes sociais, e que se publicará en abril. O estudo, encargado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL), baséase en 1295 enquisas a estudantes de bacharelato, de ciclos formativos e de universidade, e quere servir como base para tomar decisións respecto á mocidade galega e as tecnoloxías da información e a comunicación (TICs).
Entre a mostra do estudo temos só un 25% de galegofalantes e un 21% de consultados que se desenvolven igualmente en español e en galego, polo que o español tería un predominio claro e, de feito, só o 54% dos galegofalantes optan por empregar só galego nunha plataforma como Tuenti, e só o 20% dos consultados declaran usar o galego en xeral.
Ao expor estes datos, Ramallo destacou que “a rede e as novas tecnoloxías son tamén un medio poderosísimo para a expansión das linguas dominantes, aínda que facilitan moito a visibilidade das minoritarias. No caso das novas tecnoloxías falamos dunha cultura inherente da mocidade” , matizando que “as redes sociais poden entenderse como unha finalidade ou como un medio para mellorar a presenza do galego”.
O profesor da Universidade de Vigo conclúe que “propostas como Latri.ca ou Cabozo son moi pouco coñecidas, mesmo entre galegofalantes. Logo habería que incidir tamén nas interfaces das grandes redes sociais, pero no que é o propio estímulo da lingua, penso que cómpre un labor en termos máis xerais, fronte á acción específica nestas redes”.
Máis información en Código Cero.
Ningún comentario:
Publicar un comentario