A Mesa pola Normalización Lingüística (MNPL) considera “unha moi boa noticia” para a nosa lingua que Google veña de activar a opción de idioma galego para acceder e xestionar a súa rede social Google+, lanzada hai menos dun ano. Deste xeito, dálle os parabéns á empresa por crear a opción de Google+ en galego e anima a todas as persoas con conta nesa rede a “activar os seus dereitos”.
Así mesmo, a entidade insta á Secretaría Xeral de Política Lingüística a “traballar” para lograr a galeguización do buscador e de todos os seus produtos, mentes que lle seguirá pedindo á empresa que ofreza todos os seus servizos na nosa lingua.
Con este novo adianto, a práctica totalidade das redes sociais máis populares xa permiten o uso do galego, polo de agora coa excepción de Twitter. Primeiro foi o Facebook, cuxa versión en galego é froito da colaboración de internautas na súa tradución e adaptación e practicamente está completada ao 100%, e posteriormente a rede social tuenti, moi utilizada sobre todo entre a mocidade.
A MPNL anima a todas as persoas usuarias das redes sociais que, con independencia da lingua que empreguen no seu día a día, “queren que o galego exista” a “conxugar o verbo escoller” alí onde existir a posibilidade de usar o noso idioma propio. “Só mediante o seu uso a nosa lingua poderá existir, visibilizarse e florecer”, asevera a entidade, que adoita definir estas pequenas accións como “facer un consumo responsable” co galego.
Malia o importante adianto que supón que a rede Google+ se poida activar en galego, A Mesa seguirá instando á empresa a posibilitar “o uso normal” da nosa lingua en todos os seus produtos e servizos, nomeadamente nos máis habituais, como por exemplo o servizo de correo electrónico Gmail. A entidade cidadá xa se dirixiu en distintas ocasións a Google pedíndolle que inclúa o galego na súa oferta lingüística.
A asociación cidadá considera “fundamental” a implicación da Secretaría Xeral de Política Lingüística e pídelle ao departamento que dirixe Valentín García que “asuma as súas funcións” e faga xestións para garantir que en Galiza poidamos ter pleno acceso na nosa lingua a todo tipo de produtos e servizos relacionados coas novas tecnoloxías.
Máis información en Código Cero.
Ningún comentario:
Publicar un comentario