O semanario gratuito Tierras de Santiago galeguiza o nome da súa cabeceira e a partir desta semana pasará a distribuírse como Terras de Santiago, segundo informaron este luns o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e mais o director da publicación, Juan Salgado.
Alén da mudanza na cabeceira, Terras de Santiago incrementará o uso da lingua galega nos seus contidos, “especialmente na información de interese para os máis novos”. Este uso “irase aumentado, pero non chegará ao cen por cento”, sinalou Salgado. Deste xeito, as información relacionadas cos deportes, coas novas tecnoloxías e mais coa cultura pasarán a se redactar preferentemente en galego.
Durante a rolda de presentación, Valentín García sinalou que “desde a Xunta apoiamos todas aquelas iniciativas que, coma esta, empregan a lingua galega, e neste caso concreto consideramos de grande importancia que o periódico comece a editarse integramente en galego”, ao tempo que sinalou que “con esta medida iníciase un proceso de incremento do uso de galego nos medios de comunicación, a través de compromisos de colaboración coas empresas editoriais”.
Cómpre recordar que o semanario foi creado en 2006 pola Editorial Compostela, a mesma ca a de El Correo Gallego, e que distribúe gratuitamente 30.000 exemplares nunha contorna que abrangue 26 municipios da área de Compostela.
Máis información no web da SXPL e en El Correo Gallego.
Ningún comentario:
Publicar un comentario