O programa FalaRedes levará 250 actividades programadas en colaboración con todas as entidades locais que conforman a RDL, cun público potencial de 750 000 persoas. O programa consta de tres iniciativas, destinadas a un público infantil, xuvenil e xeral, en consonancia cos obxectivos emanados do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (2004).
A primeira das iniciativas chámase Galego de Cine e consiste nunha caravana reconvertida en cinema itinerante que levará ás vilas de Galicia boa parte das curtametraxes feitas no noso idioma para un público de entre 6 e 12 anos. Despois do visionado dos filmes, os cativos e as cativas converteranse en estrelas da gran pantalla mediante a composición dunha historia nun videomatón, que estará accesible a través de Internet.
Outra das iniciativas é O Señor das Dunas: un contacontos vai narrando unha historia ao tempo que un artista gráfico a ilustra sobre area. Francisco Castro, de Merlín Comunicación, referiuse na presentación á moderna técnica de debuxo nesta actividade, dirixida a todos os públicos, que agasallará a cada participante co libro 5 contos galegos.
E a terceira actividade leva por nome Títerehop, e nela os adolescentes de 13 a 17 anos crearán as súas propias letras de cancións cun profesor ben coñecido por eles, García MC, o rapeiro de Dios ke te crew. A seguir, os monicrequeiros de Viravolta ensinaranlles a facer un monicreque cantor. Por último, só queda demostrar a valía artística.
O calendario para as vindeiras actividades pode consultarse aquí e actualizarase a medida que se vaian fixando novas datas.
Dunha banda, FalaRedes favorece a “creación de espazos de uso e aprendizaxe do galego asociados á modernidade e valores positivos”. Doutra, contribúe a “reforzar o uso do galego entre os galegofalantes e proporcionarlles modelos lingüísticos galegófonos de referencia ás persoas de orixe castelanófona”, segundo puxo de manifesto o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. A través de FalaRedes, a Xunta de Galicia achegaralle a case un cento de concellos 250 actividades que as entidades locais lles poderán ofrecer á cidadanía como complemento da súa oferta de programación destinada ao tempo de lecer, xa que as actividades se desenvolverán durante as fins de semana e festivos ata finais de ano.
Máis información no web da SXPL e na propia páxina de FalaRedes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario