Nalgúns centros do rural está en xogo a súa supervivencia
Os colexios e institutos da zona abriron o prazo de
reserva de praza para o novo curso para infantil, Primaria, Secundaria e
BAC. Ata o día 29 poderán presentarse as peticións na secretaria dos
centros de ensino que compiten para sumar alumnos e dan a coñecer os
seus encantos.
Mentres nalgúns colexios como no Xesús Golmar de
Lalín están á espera de que o número de matriculados poida determinar
algún aumento de unidades, noutros do rural contan os nenos nados fai
tres anos no municipio coa esperanza de manter a matrícula e non perder
alumnos. Desas cifras, nalgún caso, depende a súa supervivencia. Nalgún
colexio como o Manuel Rivero, hai algúns cursos nos que a oferta de
prazas é cero, ao estar xa ao completo. O colexio lalinense oferta para o
próximo curso 25 prazas para nenos de tres anos (vinte e dous, máis
tres para escolares con necesidades especiais) e só conta con tres
vacantes en cinco anos, dous en terceiro de Primaria, unha en cuarto e
catro en quinto de Primaria. No resto, de momento, a non se ser que se
produza algunha baixa ou algún traslado máis adiante, non se oferta
ningunha.
No Figueroa da estrada tampouco hai moitas. Si en
tres anos, onde se ofertan cincuenta, do mesmo xeito que o pasado ano,
pero no resto dos cursos de infantil só hai quince vacantes en total,
sumando as existentes en catro e cinco anos. A estas engádense oito en
cuarto de Primaria, catro en segundo e nove en sexto. O sexto deste
curso é máis numerosos e intégranos 45 escolares que abandonarán o
colexio para irse ao instituto. Neste centro, o primeiro día xa houbo
varios pais que entregaron a solicitude de praza para os seus fillos. No
Xesús Golmar de Lalín teñen dezasete vacantes en catro anos e cinco en
cinco anos. En Primaria o centro conta con tres unidades en todos os
cursos, menos en segundo e en cuarto que hai catro.
Un elevado número de estudantes co que soñan outros
colexios máis pequenos que loitan por rabuñar alumnos e seguen
intentando convencer os pais do centro urbano das excelencias dalgúns
dos centros do rural lalinense ofrecendo comedor, transporte e clases
menos saturadas.
Os vaivéns da natalidade traen en xaque aos máis pequenos
Os vaivéns da natalidade traen de rúa aos equipos
directivos dos colexios máis pequenos. A maioría leva ao día as contas
dos nenos nados. En Rodeiro saben que fai tres anos naceron dez. Unha
cifra nada boa, tendo en conta que este curso abandonarán o centro, polo
menos, os dezanove que cursan sexto. Dentro de tres anos esperan poder
beneficiarse do bum da natalidade do 2015, un ano no que naceron vinte
pequenos. Logo, está claro, fai falta que todos se matriculen neste
colexio.
No de Vilatuxe, este ano teñen oito de tres anos e
consideran que sete incorporacións xa as teñen garantidas. En Merza este
curso xa non había ningún de sexto e saben do irmán dalgún alumno que
se matriculará para o novo curso. En Piloño tamén fan contas porque se
lles van unha decena, o curso máis numeroso do colexio que conta este
ano con 62 alumnos. No colexio de Cerdedo vanse oito de sexto e saben
que fai tres anos naceron cinco nenos, pero algún xa reside en
Pontevedra.
Os institutos tamén abren o prazo ata o día 29 para
alumnos procedentes doutros centro. O Laxeiro oferta os BAC de
Humanidades e Ciencias Sociais e o Científico-Tecnolóxico, mentres que o
Ramón María Aller engade aos de Humanidades e Ciencias Sociais e ao de
Ciencias e Tecnoloxía, o de Artes.
O Laxeiro oferta 27 prazas vacantes en Primeiro da
ESO, dezaseis en segundo, nove en terceiro e 28 en cuarto. Dezaseis en
primeiro de BAC e dezaoito en segundo. Son as que quedan en principio,
despois de descontar as reservas internas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario