mércores, 4 de novembro de 2015

Xurxo Mariño falará para 6.500 escolares no Día da Ciencia en Galego

A ciencia pódese aprender en galego, vaia que si. Este mércores 4 de novembro celébrase o Día da Ciencia en Galego, evento promovido por Igaciencia, a Asociación do Profesorado de Tecnoloxía de Galicia (APETEGA), a Asociación Galega de Profesores de Educación Matemática (AGAPEMA) e ENCIGA, que agrupa os Ensinantes de Ciencia de Galicia. Son moitas as actividades programadas para esta xornada nas tres universidades e en centros de ensino medio, nomeadamente concursos e exposicións pero sen dúbida cómpre destacar a videoconferencia que este mércores ofrecerá o biólogo e divulgador científico Xurxo Mariño, que a partir das 12.30 falará para máis de 6.500 escolares do 2º ciclo de ESO e Bacharelato de 108 centros de ensino de toda Galicia.
A videoconferencia, organizada pola Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística e a Universidade da Coruña ten como título “A máquina que constrúe a mente e a realidade”. Mariño responderá a preguntas como "Como funciona a mente?", "A onde vai o "eu" cando durmimos?" ou "Poden construírse máquinas artificiais que teñan mente?", afondando "na complexidade do encéfalo humano, a máquina na que miles de millóns de neuronas utilizan a electricidade para se comunicaren e, dese xeito, crear a mente e a realidade".
Esta videoconferencia procura que o alumnado teña acceso á ciencia sen ningún tipo de prexuízos, nin sobre a ciencia, nin sobre todo en canto ás posibilidades de aprendizaxe da ciencia en calquera idioma, tamén o galego. A CGENDL, así coma as entidades convocantes desta celebración, queren expresar deste xeito "que todos os idiomas, neste caso o galego, se aprenden usándoos en todos os contextos, tamén nos relacionados coa ciencia e a tecnoloxía, a pesar do Decreto para o Plurilingüismo que a Consellería de Educación impuxo para eliminar o seu uso como lingua vehicular de diferentes materias destes ámbitos".

Outras citas no Día da Ciencia en Galego

De igual xeito, este martes inaugurouse na Galería Sargadelos de Compostela a exposición “A Ciencia e a tecnoloxía da luz”, organizada por Igaciencia co apoio das deputacións da Coruña e Lugo. Estará en Santiago ata o 11 de novembro e nas semanas seguintes poderá verse no Museo Provincial de Lugo (do 14 ao 29 de novembro) e no Muncyt da Coruña (do 11 ao 13 de decembro).
En Lugo, este mércores a USC organiza unha ruta xeolóxica: "A historia que contan as pedras que pisas" e, así mesmo, unha conferencia sobre Isidro Parga Pondal. Ademais, con motivo do Día da Ciencia en Galego, o Museo de Historia Natural de Compostela, xunto ao Servizo de Normalización Lingüística da USC, organizarán o sábado 7 de novembro actividades para nenos e adultos ao redor da figura de Isidro Parga Pondal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario