venres, 20 de novembro de 2015

Non sobran universitarios, sobran ministros franquistas

Nas últimas horas o Ministro de Educación, Íñigo Méndez de Vigo, volveu a repetir o coñecido mantra daqueles que non saben como xustificar novos recortes contra a universidade pública; o xa moi coñecido e desgastado “argumento” utilizado ata o aburrimento polo ex ministro José Ignacio Wert, de que hai “demasiados universitarios e poucos alumnos de Formación Profesional”
Esta afirmación non é senón unha nova confesión de cal é o proxecto político que contra a escola pública ten o Partido Popular. Para o novo ministro os obxectivos marcados por Wert e os seus seguen moi presentes. Para eles o fundamental é que só os fillos dos ricos poidan acceder a unha educación de calidade, para os demais aí déixannos os empregos precarios, o paro e os constantes recortes aos servizos públicos e os nosos dereitos máis elementais. As afirmacións Méndez de Vigo deixan claro que máis aló das aparencias, defende a mesma política franquista que o seu antecesor.
Pero estas declaracións non só revelan as intencións reais do PP, senón que son un novo intento por confundir a todo o que poidan. Segundo os propios datos do Ministerio de Educación a taxa de acceso á universidade no Estado español é dun 52%, mentres que na Unión Europea esta porcentaxe é do 56% e ascende ao 58% nos países da OCDE. É dicir, que non sobran universitarios, senón que para equipararnos co resto de Europa o que fai falta é un plan que polo menos garanta unhas posibilidades de acceso similares.
Nestes catro anos quedaron claros os plans que ten o PP para a universidade pública: recorte de orzamentos, subida de taxas, recortes nas bolsas, encarecemento das matrículas a través do Decreto 3+2… Todas estas medidas impulsadas polo PP provocaron que máis de 70.000 estudantes fosen expulsados da universidade polo único feito de non ter recursos económicos suficientes.
Todos estes e outros moitos ataques foron a causa que fixo que os estudantes, pais, nais e profesores saísemos á rúa para defender a educación pública en contra do intento do ministro Wert de destruíla. Precisamente foi esa enorme mobilización a que impediu ao PP tomar medidas aínda máis lesivas contra a educación pública. Se o PP pretende continuar coa súa política para converter a educación nun negocio lucrativo para uns poucos e que só os fillos dos ricos poidan estudar en boas condicións, volverase a atopar coa resposta masiva nas rúas de toda a comunidade educativa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario