luns, 16 de novembro de 2015

Nove de cada dez fogares galegos con nenos contan con Internet de banda larga

A nova edición do estudo temático A mocidade e as TIC, publicado hoxe polo Observatorio da Sociedade da Información (OSIMGA), avalía a incidencia da presenza de nenos e mozos no fogar en relación ao equipamento e uso das TIC, a partir de datos propios do Observatorio e expón os hábitos dos nativos dixitais en base a fontes complementarias, destacando que nove de cada dez fogares con nenos en idade escolar contan con Internet de banda larga.
A presenza de nenos de entre 3 e 16 anos segue a ser determinante en canto a contratación de banda larga, superando a media galega en 17,2 puntos porcentuais e en 22,6 puntos aos fogares que non contan coa presenza de nenos, confirmando que a presenza de nenos e estudantes fomenta a existencia de ordenadores nos fogares. O 89% de vivendas con nenos en idade escolar dispón dalgún ordenador, fronte ao 65,9% dos fogares onde non residen nenos (23,1 puntos de diferenza).
En termos evolutivos, o uso da Internet nos fogares con nenos medrou 6,1 puntos máis que o ano anterior e supera o ritmo de crecemento que rexistran as vivendas sen presenza dos máis novos, que experimentaron un incremento de 3,8 puntos no último ano.
As principais razóns para non ter Internet nos fogares con nenos son os altos custos tanto de conexión de Internet (70,9%), como dos equipos (54,3%), mentres que nos fogares sen presenza de nenos non contratan Internet principalmente porque non lles resulta nin útil nin interesante (59,3%).
O estudo constata unha diferenza xeracional considerable no que se refire aos trámites coa Administración a través de Internet. Os internautas galegos de 16 a 34 anos optan, en maior medida, polo uso de Internet para relacionarse coas Administracións Públicas, superando amplamente as porcentaxes que rexistran o resto de internautas.

Os hábitos dos mozos

O estudo do OSIMGA analiza tamén os hábitos dos chamados nativos dixitais, en base aos datos da Enquisa sobre hábitos de uso e seguridade de Internet de menores e mozos en España, publicada polo Ministerio de Interior. Segundo este informe, preto do 62% dos pais e nais supervisan as web que visitan os seus fillos e máis do 30% dos proxenitores comproba á composición dos seus grupos de WhatsApp, perfís nas redes sociais e mensaxería instantánea
O informe apunta que máis da metade dos pais permiten aos seus fillos usar mensaxería instantánea, ver videoclips por Internet e navegar pola Rede en calquera momento. Non obstante, os pais prefiren supervisar as seguintes actividades: os perfís nas redes sociais, a descarga de músicas ou películas, subir fotos ou proporcionar información persoal en Internet. Ademais, o 76,5% dos mozos conéctanse a Internet dende unha habitación común do seu fogar
Cómpre salientar que o 58,8% destes mozos conéctanse á Rede todos os días, maioritariamente, entre unha e tres horas ao día. A realización de traballos escolares a través de Internet é a actividade mais común entre os mozos (95,5%), seguido da busca de información (94,9%) e a visualización de vídeo clips (94,5%).
As redes sociais están plenamente integradas na vida dos mozos. Dous de cada tres mozos dispoñen de, cando menos, un perfil nas redes sociais. Deles un 31,3% teñen creado máis dun perfil.

Ningún comentario:

Publicar un comentario