martes, 3 de novembro de 2015

Educación anuncia a convocatoria de máis de mil prazas docentes en 2016

O conselleiro, Román Rodríguez, avanzou en comisión parlamentar a oferta de emprego público que lanzarán en 2016. CIG-Ensino tilda o anuncio de "insuficiente". 

A cifra fica pendente de concretar mais Román Rodríguez, conselleiro de Educación, avanzou que serán máis de mil entre Infantil, Primaria, Secundaria e Formación Profesional. No concreto, en especialidades como lingua, xeografía, bioloxía, inglés, francés, música, educación física, pedagoxía terapéutica e de audición e linguaxe.
Segundo Román Rodríguez a decisión visa dar "estabilidade laboral" ao "corpo docente" porén, desde a CIG-Ensino coidan "insuficiente" a oferta de emprego fronte á dos "anos anteriores" que foi "cativa" ou "inexistente".
Desde a central sindical nacionalista lembran que "nos últimos anos xubiláronse máis de 4.000 docentes, suprimíronse máis de 3.000 prazas de profesores/as e que, en concreto, nos últimos cinco  só se convocaron 993 prazas en todos os corpos".
CIG-Ensino: "Nos últimos anos xubiláronse máis de 4.000 docentes, suprimíronse máis de 3.000 prazas"
Neste senso, en 2011 foron convocadas 250 prazas para mestres e 18 para profesorado de secundaria. En 2012 non se convocou ningunha, ofertándose un ano despois 200 en Infantil e Primaria. No 2014 só saíron 93 para Secundaria e este ano 432 prazas de mestre.
Aliás, CIG-Ensino critica que "o conselleiro anuncie as especialidades nas que se van convocar oposicións sen negociación previa na Mesa Sectorial". Román Rodríguez sinalou en comisión parlamentar que se negociarán cos sindicatos a cifra final mais deu conta das áreas que atinxirá a oferta pública.
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario