martes, 3 de novembro de 2015

Malmierca (CESGA) lembra en LibreCon que a fenda dixital do rural pode combaterse coa nube

O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) amosou no congreso LibreCon 2015 que se está a desenvolver en Santiago (un evento onde expoñer múltiples logros empresariais e investigadores en materia de software libre) os froitos acadados polo proxecto RuralSchoolCloud, un programa coordinado polo CESGA que contou coa participación da Universidade de Santiago e que serviu de ampliación á iniciativa comezada en 2010 polo dito centro coa súa premiada iniciativa de investigación Rural Schools & Cloud Computing. A investigadora María José Malmierca foi a encargada de dar a coñecer os devanditos logros.
Ao longo dun tempo de intervención especialmente reducido (comezou o relatorio cun aquel de atraso) pero cumpridamente aproveitado, a relatora fixo un percorrido polas orixes, o desenvolvemento e o estado actual do proxecto. Comezou lembrando aos presentes unha das grandes características da nosa terra dende un punto de vista demográfico: temos unha poboación moi espallada e, malia a importancia crecente das cidades e vilas grandes, é certo que o rural aínda pesa moito e que neste ámbito viven moitas nenos e nenos que precisan ter as mesmas oportunidades formativas e tecnolóxicas cós demais. Esta foi a base orixinaria da iniciativa: loitar contra as eivas comunicativas, tecnolóxicas ou de ensino que puideran frear o desenvolvemento da ensinanza nestas áreas e engadir aínda máis distancia na chamada fenda dixital urbano-rural. As “armas” empregadas nestas loita foron, entre outras, a computación na nube e as tecnoloxías avanzadas de comunicación (por exemplo a videoconferencia), todo concibido dunha maneira aberta e sen cancelas (open source), prontas para ser adoptadas e aproveitadas noutras contornas semellantes.
Segundo fixo saber Malmierca, “hai moitas zonas en Europa con características parecidas ás nosas, con pouca poboación e poucos alumnos, con menor calidade nos accesos ás comunicacións con respecto aos espazos urbanos e cun profesorado en moitas ocasións escasamente estábel”. Para emendar e contrarrestrar todo isto xurdiron, dixo, a Rede de Escolas na Nube e (máis tarde e a nivel europeo) o proxecto RuralSchoolCloud. “A nosa intención”, engadiu, “era conseguir que as escolas unitarias da nosa terra puideran facer moitas máis cousas cás que poden facer cos recursos cos que adoito contaban”. E engadiu: “No CESGA quixemos que a tecnoloxía que xa estaba creada, a relativa á computación na nube, servira para axudar ás nosas escolas do rural, integradas no que se coñece como CRAs”. Segundo informou, coa nube ponse en xogo para estas escolas unha posibilidade firme de colaboraren e xuntaren. Con todo, sinalou, no comezo descubríronse unha serie de problemas e complexidades, por exemplo as relativas á formación do profesorado (formación de todo tipo, dixo, que ía dende o nivel avanzado até unha introdución nula no ámbito das TIC). “A isto cómpre engadir a presenza de virus informáticos e hardware e software escasamente axeitado para o que queríamos habilitar”, dixo, engadindo que dende o comezo quedou claro que había que achegar ferramentas abertas. “A Rede de Escolas na Nube, que segue en activo en dúas ducias de centros do noso rural agrupados en 4 CRAs, é o resultado de todo isto”, explicou.
A continuación, Malmierca abordou a vertente europea da iniciativa. Esta versión máis ampla da mesma foi o resultado de sumar as experiencias do CESGA, a USC e a empresa Balidea (que colaborou de maneira altruísta, activamente, nas Escolas na Nube) con outras experiencias análogas desenvolvidas noutras contornas xeográficas. Este é o xermolo de RuralSchoolCloud, que está en activo dende hai dous anos e que xunta os esforzos dun total de sete países europeos, algúns deles cunhas características moi semellantes ao noso. Malmierca tamén salientou que ao abeiro deste proxecto tirouse proveito de recursos abertos de gran potencial, como por exemplo OpenMeetings (ferramenta para facer posíbel videoconferencias), Apache ou OpenNebula (xestión na nube).
A relatora rematou a súa intervención lembrando aos presentes a publicación dun manual, da man do CESGA, que resume e compendia a iniciativa RuralSchoolCloud. Trátase do libro Aprender e ensinar na nube. Computación na nube para colaborar na escola rural. A obra, lanzada en cinco linguas (galego, castelán, inglés, grego e italiano) e en cuxo deseño traballamos arreo dende o Grupo Código Cero Comunicación, foi editada por Malmierca a xeito de resume e guía visíbel e consuntábel para profesionais das TIC e das educación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario