xoves, 19 de novembro de 2015

As declaracións do ministro, un ataque contra a escola pública

E lamentabelmente a liña que segue é a do seu predecesor: malia que tentou dar unha imaxe dialogante que superara a nefasta xestión do ministro que lle deu nome a unha lei como a LOMCE, que pretende rematar co carácter público do ensino e situar o profesorado nunha situación  de absoluta indefensión, agora amosa nidiamente a continuación e a vontade de continuar a obra do Wert.

Logo de empeorar ate límities insostíbeis as condicións laborais do profesorado, co despido de miles de docentes, ter reducido os seus salarios, rematar coa atención á diversidade e as posibilidades de sacar adiante moitas alumnas e alumnos, aumentar as horas de traballo, o número de grupos e de alumnado que atender; logo de ter degradado a situación do sistema público de ensino coa reducción do PIB adicado á eduación; logo de facer retroceder os indicadores relativos ao progreso do país en sanidade e educación... O goberno de Rajoy co seu novo ministro Méndez de Vigo presenta como novidosa unha política en materia de profesorado que xa ten probado os seus efectos en países como Chile ou os propios Estados Unidos. 

Trátase de que o profesorado sexa retribuído segundo a avaliación dos resultados do alumnado e do centro educativo en que desenvolve o seu traballo. A excusa é que non se pode pagar o mesmo a quen obtén peores notas no seu traballo. A aplicación desta teoría do máis rancio estilo neoliberal que os seguidores da Escola de Chicago levaron ao Chile de Pinochet xa ten amosado claramente as súas consecuencias: degradación da profesión docente, arbitrariedade na atribución de fondos ás escolas e o seu profesorado, privatización crecente do sistema educativo... E no caso dos Estados Unidos, onde nalgúns estados se implementaron medidas deste calibre, as consecuencias destas políticas significaron o peche de numerosos centros escolares, o despido de miles de docentes e a entrega de ditas escolas á iniciativa privada. 

A LOMCE xa contén en esencia medidas similares ás propostas por Méndez de Vigo, seguindo o seu filósofo de cabeceira, o señor J.A. Marina. Pero os seus promotores aínda non se atreveran a expresalas deste xeito. O profesorado está indignado: no canto de adoptar medidas para favorecer o traballo en equipo, recuperar o poder adquisitivo perdido, reducir a carga laboral dos docentes e fomentar a atención á diversidade coa dotación de persoal aos centros educativos, no canto de garantir a estabilidade das plantillas docentes co acceso á función pública do profesorado interino, encontrámonos cunha proposta para dinamitar o ensino público e atribuírlle ao profesorado os males que derivan dunha política nefasta en materia de educación.

 Dende o STEG levamos tempo alertando o profesorado de que este tipo de políticas o que pretende é individualizar as relacións laborais do profesorado e transformar as direccións dos centros en sinxelos xestores con poder dabondo para seleccionar ou rexeitar profesorado, en definitiva, para facer dunha tarefa colectiva que é o ensino público unha actividade mercantilista. 

O STEG defende un sistema retributivo baseado en criterios obxectivos e non en avaliacións arbitrarias, que só beneficiarían o profesorado máis afín á xerarquía, rexeita totalmente  esta tentativa de xerarquización docente e esixe aos partidos políticos que se pronuncien inequívocamente en contra dunha política onde o fin último é degradar o ensino público e favorecer a súa privatización. A homologación retributiva para todo o profesorado é unha asignatura pendente. A discriminación só pode traer como consecuencia máis desigualdade e, por tanto, máis deterioro no ensino público. 

Permanente do Secretariado Nacional do STEG

Ningún comentario:

Publicar un comentario