mércores, 5 de outubro de 2016

A fin do verán destrúe 6.200 empregos en Galicia mentres o Estado recupera cotizantes Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo

fin do verán volve provocar o incremento do paro rexistrado en Galicia. O número de persoas apuntadas nas oficinas de emprego do país queda en 194.336 tras aumentar en 1.291 (+0,67%) no pasado setembro con respecto ao mes anterior, un aumento case idéntico ao experimentado no conxunto do Estado (+0,62% e 22.801 persoas). No entanto, o mercado laboral galego volve amosar a súa febleza. A comunidade perdeu no pasado mes 6.218 afiliados á Seguridade Social, cinco veces máis do aumento do paro rexistrado. Pola contra, en España a cifra de cotizantes medrou en máis de 12.000 malia o medre tamén do desemprego. 
Galicia perde 6.218 cotizantes en setembro e o paro rexistrado aumenta en 1.291; en España, sobe o paro pero tamén se incrementan os afiliados á Seguridade Social
Esta diferenza de cinco milleiros entre a redución do paro e a alta de traballadores é debido a varias circunstancias, como a emigración e fuxida da poboación activa, o desánimo que leva a desapuntarse das listaxes de demandantes de emprego ou o paso á economía en b. Xa que logo, non todo o descenso do paro rexistrado equivale a novos postos de traballo. Nin moito  menos. No entanto, no conxunto do Estado esta tendencia é á inversa, o que indica claramente a febleza do mercado laboral galego e o maior peso da emigración.
Se a poboación activa, colectivo da poboación en idade e disposición de traballar, descende aínda máis que o emprego, o paro rexistrado tamén baixa. Se os cotizantes baixan, destrúese emprego. Con todo, o número de afiliados aumentou en 15.415 persoas con respecto ao ano anterior, deixando a cifra en 972.887.
O número de afiliados aumentou en 15.415 persoas durante un ano e o paro rexistrado descendeu en máis de 21.000 persoas
En canto ao desemprego rexistrado, Galicia ten 21.401 persoas menos apuntadas nas oficinas de emprego que en setembro de 2015, pero a diferenza entre a baixada desta estatística e o aumento de afiliados volve ser de máis de 6.000. Con todo, a creación de emprego é máis lenta cá media estatal e a recuperación da ocupación, como destacan os sindicatos, "vai moi devagar". "En Galicia estamos por debaixo do millón de afiliacións fronte ás 1.081.933 persoas afiliadas que había hai oito anos", di CCOO.

 

O paro cébase co sector servizos

O final do verán e dos contratos temporais, principalmente na hostelería, provoca este aumento do paro rexistrado. O aumento en 2.309 desempregados no sector servizos compénsase co descenso que se dá na agricultura (-353), construción (-488) ou no colectivo sen emprego anterior (-333). Na industria, o número de parados tamén se incrementa lixeiramente (+156).
O sector servizos aumenta en 2.309 o número de parados rexistrados mentres baixan en agricultura ou na construción
En canto á contratación, ascendeu en Galicia en 6.279 persoas respecto a agosto (+7,2%) até alcanzar os 93.788, 6.325 máis que no mesmo mes do ano pasado. Con todo, os temporais continúan a ser maioría: 87.022 dos totais, fronte aos 6.766 indefinidos. Estes últimos incrementáronse en máis dun 36%, mentres que os temporais tamén subiron nun 5,4%. No acumulado, o país conta con 657.042 contratos temporais, o 92,5%, fronte aos 53.209 indefinidos.
A taxa de cobertura baixa en máis de un punto nun ano e queda no 53,3%
Con respecto ás prestacións por desemprego, o empeoramento continúa. De comparar con hai un ano, o gasto en prestacións baixou en máis dun 10% e a taxa de cobertura en máis de un punto, ao quedar no 53,3%, moi afastada do 58,2% do Estado. Neste último mes de agosto, as prestacións contributivas só representaban o 42,27 % do total, mentres que no caso dos subsidios por desemprego a porcentaxe sobe ata o 45,11 %.
Xa que logo, hai 93.934 persoas a cobraren unha prestación por desemprego, son 12.605 menos ca un ano antes, e a repartición por modalidades é: 42.373 cun subsidio por desemprego, tan só 39.702 contributivas, 10.948 a renda activa de inserción e 911 do programa de activación de emprego.

EPA e paro rexistrado en Galicia

CC BY-SA Praza Pública

Ningún comentario:

Publicar un comentario