Mentres que en Estremadura a propia administración educativa impulsa estes procesos, e en Castela-A Mancha, Andalucía ou Canarias tamén se levan a cabo achegas ambiciosas, en Galicia todo depende de programas e iniciativas illadasAínda que na última década a a figura profesional da Educación Social ten avanzado moito, grazas á incorporación en distintos territorios destes e destas profesionais nas propias equipas escolares, está aínda pendente unha consolidación e unha estabilización deste ámbito, sobre todo en Galicia. Mentres que en Estremadura a propia administración educativa impulsa estes procesos, e en Castela-A Mancha, Andalucía ou Canarias tamén se levan a cabo achegas ambiciosas, en Galicia todo depende de programas e iniciativas illadas.
O Congreso salientou que "as actuais condicións socioculturais e económicas inciden, aínda máis se cabe, na necesaria presenza desta figura profesional como axente que potencie a prevención, o seguimento e control do absentismo escolar, a dinamización e participación familiar e comunitaria, a educación para a convivencia e resolución de conflitos e a educación en valores e competencia social". Un dos obxectivos destas xornadas era analizar as vantaxes e beneficios que a educación social xera na comunidade educativa, tanto para o alumnado, para o profesorado, coma para os pais e nais, buscando que as administracións públicas estuden o xeito de implantala no sistema educativo galego.
"Os programas que poden desenvolver os e as educadoras sociais están moi relacionados coa atención á diversidade, coa prevención do fracaso escolar, coa prevención de condutas aditivas ou con temas de convivencia. Calquera persoa que teña unha mínima preocupación pola cohesión social e pola mellora da convivencia valora isto. Porén, en Galicia a administración educativa non é receptiva a estas propostas", explica Mariló Candedo (Nova Escola Galega).
Os e as educadoras sociais fan de ponte con servizos sociais e cos servizos educativos, completan a función social que se desenvolve dende as escolas, de integración e de inclusividade. Melloran os plans de convivencia, melloran a comunicación coas familias, e poden facer un mellor seguimento da súa situación, detectando necesidades, tanto as relacionadas con situacións de pobreza ou emerxencia social como outras doutro tipo: situacións de acoso escolar, orientación afectivo-sexual ou simplemente de relación coas novas tecnoloxías.
"Achéganse á realidade comunitaria, melloran a participación e a convivencia, conséguese unha escola máis aberta á súa contorna. É outra visión do que debe ser a educación, non a escola pechada e pelexando con todo"Para Mariló Candedo, o máis importante é que os e as educadoras sociais axudan a "abrir a escola á comunidade, a tender pontes entre o espazo comunitario e a escola, facendo de enlace con estas institucións que están preto do espazo educativo e establecendo un programa para unha escola máis territorializada". Deste xeito, engade "achéganse á realidade comunitaria, melloran a participación, melloran a convivencia, conséguese unha escola máis aberta á súa contorna. É outra visión do que debe ser a educación, non a escola pechada e pelexando con todo". "Á escola pídeselle que se ocupe de todas as carencias educativas, e iso leva ás veces a esa sensación de fracaso, cando hai asuntos que desbordan as esixencias que se lle poden facer á función escolar", di.
"Propoñemos que a administración considere incorporar estes educadores sociais aos centros, a través de plans experimentais, pero que despois se vaia estendendo e estabilizando"En Galicia, ao non estar regulados pola administración educativa, estes programas son desenvolvidos en moitas ocasións polos concellos interesados en colaborar cos centros, que queren traballar en aspectos coma a prevención de adicións, na loita contra o bullying ou o absentismo ou no fomento da convivencia. "Hai moito que avanzar para ter unha visión máis social da educación. Para darlle continuidade do tempo, propoñemos que a administración considere incorporar estes educadores sociais aos centros, a través de plans experimentais, pero que despois se vaia estendendo e estabilizando. Así se fixo noutros lugares", conclúe Candedo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario