xoves, 27 de marzo de 2014

O despedimento masivo que castiga o profesorado do Celga

CIG-Ensino concentrouse este martes ante a sede Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) para denunciar o que considera despedimento "ilegal" do profesorado que impartía os cursos preparatorios das probas Celga. A central nacionalista acusa a Consellería de Educación de actuar así "de maneira fraudulenta e irregular" ao optar polo despido destes docentes en lugar de cumprir coas resolucións administrativas que obrigan a Administración a dar de alta este colectivo na Seguridade Social.
Educación deixou de ofertar os cursos do Celga entre o profesorado colaborador e en paro para ofrecerlle horas extras a docentes de secundaria
O conflito do profesorado Celga vén de lonxe. A CIG denuncia agora que Educación deixou de ofertar, como era habitual antes, os cursos preparatorios do Celga ao profesorado colaborador, aquel que se incluía nunha listaxe e que, entre os seus requisitos, exixía ser "demandante de emprego en situación laboral de desempregado".
Foi no curso 2006-07 cando se puxo en marcha a Certificación de Lingua Galega a través de cursos ofertados a todo aquel que quixese acreditar o seu coñecemento do idioma cun título que é requisito ou valoración indispensable en numerosos ámbitos. Para levalos a cabo, a Administración contou con docentes desempregados, que impartían as aulas durante dous ou tres meses ao ano.
Inspección recoñeceu a relación laboral entre a Consellería e o profesorado que non estaba dado de alta na Seguridade Social
O sindicato alertou durante tempo que este colectivo -que inclúe máis de 400 titulados e un 30% aínda exercendo esta actividade- impartía as clases sen contrato de traballo ningún e sen estar dado de alta na Seguridade Social. A denuncia que a central nacionalista interpuxo ante a Inspección de Traballo resolveuse hai agora catro meses recoñecendo a relación laboral entre a Consellería e este profesorado e dando de alta de oficio con efectos retroactivos nos períodos nos que se impartiran aulas nos catro anos anteriores, ademais de impor unha multa de máis de 200.000 euros á Administración por actuación fraudulenta.
Pero ante esta situación e tras a resolución, a Consellería optou por non ofrecer os cursos do Celga ao profesorado en paro, senón que apostou por que sexan docentes en activo de secundaria os que impartan estas aulas como horas extraordinarias, algo que a CIG rexeita frontalmente. De feito, a propia central leva tempo pedindo a ese profesorado que é reclamado pola Xunta que se solidarice co colectivo dos cursos preparatorios do certificado de lingua galega e que rexeite aceptar esas horas lectivas como extraordinarias, unha medida que está a ser ben recibida entre os docentes.
A CIG promoverá demandas individuais por despedimento se a Administración non cumpre coa obriga legal
Ademais, Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino, xa advirte que se a Administración non cumpre coa súa obriga legal, o sindicato promoverá demandas individuais por despido entre este colectivo que acumula xa moitos meses de reivindicacións. Ao tempo, continuará coa campaña de mobilizacións e nos centros para convencer o profesorado de que se negue a facer horas extras. Louzao atribuíu esta decisión da Consellaría de Educación e da Secretaría Xeral de Política Lingüística a unha “actitude represiva contra todo este profesorado” e asegurou que é “inadmisíbel, inxustificábel e unha vergonza” que a Secretaría Xeral nin sequera admita a resolución da Inspección.

A vulneración dos dereitos lingüísticos de Galiza chegará á Unesco

A Mesa pola Normalización Lingüística impulsa unha denuncia internacional ''para que se saiba o crime que se está a cometer contra o galego''. E faino no 60 aniversario da denuncia que se presentara, en 1954, tamén ante a Unesco contra ''a perseguizón do idioma polo Esrado Hespañol''.

“Queremos que o mundo saiba o crime que se está a cometer contra a lingua galega. Un mundo sen galego sería un mundo máis pobre”. Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, anunciou o inicio dun proceso “participativo, de diálogo e procura de colaboración con outras entidades, para presentarmos todas xuntas unha denuncia internacional” pola vulneración de dereitos lingüísticos en Galiza.
“A de Galiza é a única lingua do Estado que está a perder falantes, nunha hemorraxia que os gobernos non fan máis que fomentar”
A Mesa fixo este anuncio no 60 aniversario da presentación da “Denuncia diante a Unesco da perseguizón do idioma galego polo Estado Hespañol”. Nha denuncia feita en 1954 e perante a Unesco. O organismo ante o que A Mesa quer volver denunciar o que acontece co idioma propio de Galiza.”Non só procuramos recordar o 60 aniversario dese fito da resistencia do pobo galego”, senón que “aspiramos a deter o crime contra o noso idioma que están a perpetrar as institucións que deberían protexelo, a comezar pola Xunta”.
Agravios
Callón sinala que farán “un repaso polos principais agravios que está a padecer o noso idioma”, “uns paus nas rodas que se poñen tanto desde o Goberno español como desde o Goberno galego e que fan que hoxe sexa moito máis difícil vivir en galego que hai catro ou cinco anos”.
Espallar
Desde A Mesa pretenden traducir o relatorio que presenten perante a Unesco “a todas as linguas que poidamos” e “espallalo o máximo posíbel, porque a problemática galega debe ser coñecida”.

mércores, 26 de marzo de 2014

Movemento Dezao anima as familias a non escoller Relixión

O colectivo rexeita que teña o mesmo peso que outras materias. Alega que a formación relixiosa pode recibirse fóra do horario.

Movemento Dezao polo Ensino Público celebra a súa asemblea ordinaria no salón de actos do IES Laxeiro hoxe, a partir das 20.30 horas. Entre os asuntos que se abordarán na reunión figura o posicionamento do colectivo respecto á elección da materia de Relixión por parte das familias con vistas ao próximo ano académico. A agrupación "anima" a todas as familias a "non" escoller "Relixión" á hora de matricular os seus fillos.
Movemento Dezao móstrase moi crítico coa nova lei de educación (Lomce), na cal a Relixión volve ser unha materia avaliable, co mesmo peso para os efectos de promoción e de cálculo de media que materias como Matemáticas, Ciencias Sociais ou as distintas linguas. Dado que Relixión non pode ser obrigatoria, a Lomce establece alternativas: Valores Sociais e Cívicos en Primaria e Valores Éticos en Secundaria, que, para que sexan compatibles coa relixión, serán ofertadas no grupo das "materias específicas" -ata agora coñecidas como "optativas" -, de modo que entran en competencia directiva coas seguintes materias: Educación Artística ou 2ª Lingua Estranxeira en Primaria, e Cultura Clásica, Educación Plástica, Iniciación á Actividade Emprendedora e Empresarial, Música e 2ª Lingua Estranxeira, niso. En Bacharelato non se oferta a materia de Valores, pero si Relixión, de novo entre as específicas e en competencia directa, por exemplo, con Debuxo Técnico, Tecnoloxía Industrial, Historia da Filosofía ou 2ª Lingua Estranxeira.
Dende a agrupación mostran o seu "rexeitamento a que a Relixión se poña ao mesmo nivel e mesmo poida substituír a aprendizaxe de materias fundamentais para a formación académica da nosa xuventude". Por este motivo, solicitan ás familias que eximan de Relixión os seus fillos no colexio. Argumentan que esta postura "non" supón unha falta de respecto polas crenzas dos pais, sexan cuales sexan", senón unha "defensa da prioridade que se debe dar na escola á formación académica" das novas xeracións de cara ao seu "desenvolvemento intelectual" e o seu "futuro profesional". Entenden que a relixión pertence ao "ámbito persoal e familiar" e, polo tanto, "non" debería ocupar "un espazo no horario lectivo". De feito, engaden, renunciar á formación relixiosa no centro escolar non impide en ningún caso recibila fóra do horario de clase, como calquera actividade extraescolar elixida libremente por cada familia ou alumno.
Asemblea xeral
Polo que se refire á asemblea xeral desta noite, a orde do día inclúe un informe da xunta directiva que preside Miguel Ángel Muñoz sobre a situación económica e as actividades realizadas dende a última reunión da masa social. Antes da quenda de propostas e suxestións, considera a aprobación do plan de traballo para este ano e a renovación parcial da xunta directiva, en concreto, o relevo de Araceli Costoya, no seu posto de tesoureira, polo vogal María Elena González.

O Sindicato de Estudantes convoca hoxe e mañá folga en secundaria e universidade

O Sindicato de Estudantes convocou dende este mércores unha folga de 48 horas en Secundaria, á que se sumarán universitarios. O obxectivo é protestar contra os recortes e a Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa (LOMCE), que queren que se retire, e pedir a dimisión do ministro de Educación, Cultura e Deporte, José Ignacio Wert.
As xornadas de paros no ensino terán como colofón varias manifestacións e concentracións en varias provincias españolas ao longo do xoves. En Madrid, comezará ás 12.00 horas en Atocha e rematará na Porta do Sol, como noutras ocasións.

O Sindicato de Estudantes (SUESTE) ten pedido ao resto de organizacións que forman a Plataforma Estatal pola Defensa da Escola Pública --Confederación Española de Pais e Nais de Alumnos (CEAPA) e aos sindicatos de ensino FE-CC.OO, FETE-UGT e STES-- que "non" miren para outro lado" e apoien a folga convocada por esta organización.

A Xunta aplica o "dedazo" na elección dos directores de centros

O STEG denuncia que o Consello Escolar deixa de ter capacidae de decisión sobre a selección da dirección, unha postestade que recae, agora, na Consellería de Educación.

A Consellería de Educación, aplicando o espírito e a letra da LOMCE, vén de presentar na Mesa Sectorial o rascuño dunha orde pola que se convoca concurso de méritos para a selección e nomeamento de Direccións de centros públicos e faino nuns termos que, de aplicárense, van supoñer "outro duro golpe á democracia no ensino", na medida en que colocan esa selección "baixo o control total e absoluto da Administración".
É a denuncia que fai o STEG que amosa o seu "total rexeitamento" a esta media xa que, di, a Admistración pretende exercer "unha tutela tan excesiva como innecesaria, por limitadora da democracia e da participación, sobre o conxunto da comunidade educativa".
A LONCE recolle unha restrición na participación da comunidade educativa na xestión democrática dos centros, deixando os Consellos Escolares en simples órganos consultivos e apostando pola concentración de poderes exclusivos na figura da dirección.

Máis presenza política

Efectivamente, a Comisión de Selección que ten que se constituír en cada centro, que antes estaba formada por 1 Inspector (como presidente), 3 profesores do centro elixidos polo Claustro e 3 membros do Consello Escolar (que non fosen profesores), agora pasará a estar formada por 4 Inspectores (3 deles poden ser directores de centros, designados pola Xefatura Territorial), 2 profesoras do centro en cuestión e 1 membro do Consello Escolar. 
Con este reparto, o Consello Escolar, sendo como é o órgano máis democrático e representativo da comunidade escolar, deixa de ter capacidade de decisión sobre a selección da dirección, potestade que recae agora na Administración, ao dispoñer nesa Comisión de maioría absoluta. 

Eliminacións

Ademais, esta nova orde elimina dos requisitos para presentarse ás direccións a condición, vixente ata agora, de “estar prestando servizos en centros docentes públicos nalgunha das ensinanzas das que se ofrecen no centro a que se opta”. Desaparece, así mesmo, a preferencia que antes se outorgaba ás candidaturas do profesorado que tivese destino definitivo no centro fronte a outras. Tamén se elimina o chamado “programa de formación inicial” para as persoas aspirantes á dirección que organizaba a propia Consellería por medio do Servizo de Formación do Profesorado. Finalmente, se na Comisión de Selección dun centro non participasen representantes do Claustro e do Consello Escolar, o nomeamento non será por dous anos, como acontecía ata agora, senón por catro. 
Por iso, o STEG demananda a "inmediata retirada" deste borrador de Orde, que o Consello Escolar manteña representación suficiente nas Comisións de Selección, que os proxectos que se presenten para a dirección dun centro estean redactados en galego ou que non se poida presentar o mesmo proxecto para varios centros. 
Tamén pide que, en caso de non elixir representantes do Claustro ou do Consello Escolar na Comisión de Selección, o nomeamento de dirección que se faga sexa provisorio, polo período dun ano e que o proxecto de dirección inclúa as persoas que formarán parte do equipo. Finalmente, reclama que se estabeleza un período para realizar o “traspaso” á nova dirección, con recoñecemento económico e administrativo ás dúas direccións.

O pleno do Concello de Ferrol aprobará por unanimidade a proposta das Letras 2015 para Carvalho Calero

A iniciativa para que as Letras Galegas do vindeiro ano sexan dedicadas a Ricardo Carvalho Calero segue avanzando e gañando apoios. Xa son máis de 30 as entidades sociais e políticas que a defenden, acadando unha unanimidade case total na comarca de Ferrolterra e sumando axudas no resto do país. Entre os seus promotores ten, por suposto, un bo número de asociacións culturais e de persoeiros deste ámbito, por exemplo Manuel Rivas, Xosé María Álvarez Cáccamo, Francisco X. Fernández Naval ou o director da Fundación Penzol de Vigo, Francisco Domínguez, pero tamén da política e do mundo económico e do traballo. Así, recibiu o soporte da maior parte dos sindicatos na comarca de Ferrol (CIG, CNT, CCOO, UGT e USTG), de todas as forzas políticas con representación no Concello e mesmo do comité de empresa de Navantia. Cúmprese así un dos obxectivos sinalados dende un comezo pola comisión promotora, que buscaba que a iniciativa ao redor da figura e da obra de Carvalho Calero fose máis aló da súa innegable importancia para a lingua e a cultura galegas, abranguendo outros ámbitos da sociedade.
Recibiu o soporte da maior parte dos sindicatos na comarca de Ferrol (CIG, CNT, CCOO, UGT e USTG), de todas as forzas políticas con representación no Concello e mesmo do comité de empresa de Navantia
Este martes, cabodano do seu pasamento o 25 de marzo de 1990, celebrarase ademais un acto de homenaxe ante a súa casa natal, semiderrubada hai unhas semanas, na ferrolá rúa San Francisco. O acto, segundo a comisión promotora, servirá “tanto para reivindicar a súa figura como a do estado do propio barrio de Ferrol Vello”. A partir das oito da tarde haberá (en función do tempo, ante a posibilidade de fortes choivas a esa hora) unha actuación do Real Coro Toxos e Froles e lerase un manifesto de apoio á campaña do Día das Letras 2015, a cargo da alumna do IES Carballo Calero Rita Tojeiro Ces.
Será o primeiro dunha serie de actos importantes para a candidatura que terán lugar nos vindeiros días e semanas. Así, este xoves o pleno do Concello de Ferrol aprobará por unanimidade unha proposta para que o intelectual sexa homenaxeado no 2015. De igual xeito, como destaca Bernardo Maiz, nas vindeiras semanas a comisión promotora solicitará unha entrevista ante a RAG para continuar o camiño que debe levar á presentanción da candidatura de Carvalho, que debe ser proposta por tres académicos e contar co apoio doutros tres.
Xosé María Dobarro, outro dos impulsores da candidatura, subliñou que o recoñecemento "é unha cuestión de xustiza", en especial despois de que o Parlamento aprobara "unha aproximación ao mundo lusófono"
Nunha rolda de prensa celebrada este luns en Ferrol, o profesor Xosé María Dobarro, outro dos impulsores da candidatura, subliñou que o recoñecemento "é unha cuestión de xustiza", en especial despois de que o Parlamento aprobara "unha aproximación ao mundo lusófono", en referencia á ILP Paz Andrade, que converteria en inútiles, ao seu xuízo, as críticas recibidas por Carvalho Calero por ter defendido a liña ortográfica de reintegración co portugués.
Pola súa banda, a Fundaçom Artábria, que non participará na homenaxe deste 25 de marzo por mor da participación do Concello de Ferrol no acto, celebrará o 30 de marzo a súa habitual homenaxe a Carvalho Calero, ao pé da súa casa natal. O acto, presentado por Xende Lopes Teixeiro, consistirá nunha ofrenda floral e un recital poético a cargo de Antia Cortiças, Teresa Moure, Miguel Vento de Trasancos e Elia Rico. Alberto Pombo e Diego Bernal musicarán o poema "Todo termina mal". E Vítor Santalha, en representación da entidade, intervirá para pechar o acto.

CIG-Ensino denuncia o "ilegal" despedimento do profesorado do CELGA

A central sindical nacionalista concentrouse perante a Secretaría Xeral de Política Lingüística para exixir que a Xunta aplique as resolucións das inspeccións de traballo e recoñeza a relación contractual d@s docentes do CELGA coa Administración.

A CIG-Ensino concentrouse esta terza feira (25 de marzo) perante as instalacións da Secretaría Xeral de Política Lingüística para denunciar o despedimento do profesorado que impartía o CELGA. Desde a central sindical nacionalista lembran que a Consellaría de Educación "está a actuar de maneira fraudulenta e irregular ao despedir a este colectivo de profesorado" en troca de adoptar "as resolucións das inspeccións" de traballo que obrigan a administración a dar de alta na Seguridade Social @s docentes.
O secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, que encabezou a faixa durante a mobilización, anunciou que de non cumprir coa súa obriga legal a Xunta de Galiza, a central sindical promoverá demandas por despedimento entre o profesorado do CELGA para denunciaren os incumprimentos administrativos da Consellaría que dirixe Jesúa Vázquez Abad.

A Consellaría incumpre a lexislación


Neste senso, Louzao lembrou que foi após as inspeccións de traballo desenvolvidas con motivo das denuncias presentadas pola CIG cando se soubo das condicións de traballo en que estaban a desenvolver a súa actividade est@s docentes. Así, as resolucións exixen que a Consellaría dea de alta na Seguridade Social a est@s traballador@s con carácter retroactivo e, asemade, pague unha sanción económica de máis de 200.000 euros.
Porén, en troca de cumprir coa legalidade, a administración optou por despedir @s profesionais, un colectivo que abrangue máis de 400 persoas e d@s cales perto de 150 continúan desenvolvendo a súa actividade. Aliás, a Consellaría de Educación propuxo ao profesorado de Lingua e Literatura Galega que impartisen os cursos do CELGA como horas extraordinarias, unha iniciativa que desde a CIG tildan de "inadmisíbel, inxustificábel e de vergoña".
Así é que a central sindical desenvolve desde hai tempo unha campaña entre o profesorado de Lingua e Literatura Galega para que se solidarice c@s docentes do CELGA e rexeiten asumir estas horas lectivas como extraordinarias. Unha acción que está a ter unha boa acollida, explicou o secretario nacional da CIG-Ensino, entre o persoal docente.

martes, 25 de marzo de 2014

As escolas catalás inician unha semana de loita contra os recortes e a Lomce

ATA O 29 DE MARZO

A comunidade educativa, convocada polos sindicatos e asembleas de profesores, iniciou este luns unha semana de loita baixo o lema 'Nin LEC --Lei de Educación de Catalunya-- nin recortes. Non ao peche de liñas públicas. Substitucións dende o primeiro día ao 100% ' que culminará o 29 de marzo cunha manifestación en praza Universitat de Barcelona.
Nun comunicado, o sindicato Ustec-Ste·s cualificou o sistema educativo estatal de "retrógrado e reaccionario", ademais de deplorar o seu modelo mercantilista da educación, que transporta a sociedade a tempos predemocráticos.
Unha vez máis, volveu pedir á consellera de Ensino da Generalitat, Irene Rigau, que declare a insubmisión á Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa (Lomce), e dea instrucións claras e concretas para apoiar aos centros educativos: "Defendemos o modelo lingüístico da inmersión e o catalán como lingua vehicular".
Rexeitou o proxecto de decreto de equipos, que considera "profundamente inxusto" porque abre a vía á arbitrariedade, o que só pode empeorar o traballo de corresponsabilidade e participación dos centros.
Tamén deplorou o peche preventivo de grupos e o mantemento das políticas de axuste, como as substitucións ao 85% e o aumento de ratios.
Durante esta semana está previsto que se realicen asembleas de centro para organizarse: o 25 marzo haberá actividades e explicacións a profesores e estudantes sobre a Lomce, a LEC e os recortes, e o mércores 26 realizaranse charlas que poden rematar en encerros en centros.
O 27 será unha xornada festiva na rúa, e o venres 28, os profesores prepararán os materiais para a protesta do 29, que se decidiu que fose en forma de manifestación e non de folga a través dunha consulta co profesorado.

Despiden a 500 profesores de galego tras unha sanción a Educación

"Trátase dun acto vengativo de despedimento masivo totalmente arbitrario, que non ten máis xustificación que a falta de decencia e a prepotencia política", denuncia o STEG.

Preto de 500 profesores do progrma Celga de cursos en lingua galega serán despedidos. Un despido que chega, curiosamente, logo de que os servizos de Inspección do Traballo sancionasen á Consellería de Educación.
 
Así o denuncia o Sindicato de Traballadores do Ensino de Galicia (STEG) que califica esta medida como un acto "vengativo" por parte da Xunta. Nun comunicado, esta entidade critica que estes profesores foron despedidos logo de que a Consellería de Eudación recibira unha sanción de Inspección de Traballo da Coruña e de Ourense  por "non recoñecer a relación contractual entre a Administración e as persoas que impartían os cursos de galego Celga e non inscribilas na Seguridade Social".
 
"En resposta a esa lóxica e xusta resolución, a Secretaría xeral de Política Lingüística da Xunta decidiu prescindir da totalidade das persoas que viñan prestando os seus servizos como docentes dos cursos Celga", destaca o sindicato.

"Despedimento masivo arbitrario"

Por iso, expresa a súa "rotunda condena" á postura da Xunta, por considerar que "constitúe unha descarada negativa a acatar e cumprir a lexislación laboral e a respectar os dereitos laborais que as resolucións de Inspección de Traballo". "Trátase dun acto vengativo de despedimento masivo totalmente arbitrario, que non ten máis xustificación que a falta de decencia e a prepotencia política", engade.
 
A partir de agora, a Xunta decidiu "ofrecer eses cursos ao profesorado de lingua galega que exerce nos centros educativos de secundaria, coa consideración de 'horas extras' e unha remuneración económica de ao redor de 2.500 euros".

Estímase que os dominios '.gal' alcancen os 7.000 durante o primeiro ano

Galicia poderá alcanzar os 7.000 dominios .gal rexistrados no seu primeiro ano de existencia tras o éxito dos .cat en Cataluña.

A empresa española de dominios, hosting, protección de marca online e outros servizos de presenza online, Nominalia, espera pór a disposición dos seus clientes nas próximas semanas os novos dominios .eus e .gal, extensións que poderían alcanzar cada unha as 7.000 URLs contratadas ao longo do primeiro ano de existencia.

Desta forma, as novas terminacións seguirán ao .cat, que excede os 70.000 dominios con tan só oito anos en funcionamento.

O novo dominio galego poderá aloxar a todo tipo de empresas, asociacións e particulares que queiran vincular o seu proxecto á lingua e cultura galega, segundo relata a empresa nun comunicado.

As novas terminacións comezaron a implantarse en 2014 como parte do esforzo para adaptar os dominios de internet ás necesidades do mercado.

Son extensións intuitivas e fáciles de recordar que poden converterse nunha óptima ferramenta de mercadotecnia para reforzar a presenza na rede e para aumentar a visibilidade dunha empresa ou entidade.

"As nosas estimacións indican que as cifras de rexistro de .eus e .gal poden multiplicarse por catro nos seguintes cinco ou seis anos", asegurou o portavoz da empresa David Costa.

"Será interesante ver a reacción do mundo cultural e empresarial destes territorios ante esta nova oferta de dominios, posto que son eles os que empuxarán estas novas extensións cara ao éxito", concluíu.

luns, 24 de marzo de 2014

A CIG-Ensino solicita ao Valedor que investigue o gasto de 886.984 € en privatizar as revisións médicas do profesorado

Denuncia que a falta de entendemento entre as consellarías de Educación e Sanidade implicará o malgasto de cartos.


A CIG-Ensino presentou un escrito dirixido ao Valedor do Pobo no que solicita que investigue cales foron as razóns polas que non foi posíbel o entendemento entre as Consellarías de Educación e Sanidade para ofrecer os recoñecementos médicos ao profesorado. A CIG-Ensino denuncia que, segundo as contas da Consellaría de Educación, van pagar 2.217.461 euros a unha entidade privada, cando no SERGAS se podería realizar por 1.330471. O obxecto da queixa da CIG-Ensino é evitar o mal uso do diñeiro público de todos os galegos e galegas.
“É incomprensíbel que, por desavinzas entre as dúas consellarías, os cidadáns e cidadás galegas teñamos que pagar preto dun millón de euros, dado que, segundo as contas da Consellaría de Educación, van pagar 2.217.461euros a unha entidade privada, cando o custo no SERGAS se podería realizar por 1.330471”, explicou Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino.
Na queixa presentada ao Valedor do Pobo, a CIG-Ensino explica que foi a propia Consellaría de Educación a que lle trasladou ao Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que facer as revisións no SERGAS suporía un aforro de máis de 800.000 euros. Foi o 16 de decembro de 2013, data na que a Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) citou a CIG-Ensino como executante e a Consellaría como executada, co obxecto de dar cumprimento ao recurso gañado pola CIG-Ensino, que recoñece o dereito ás revisións médicas do profesorado.
Nesa comparecencia, a Consellaría de Educación solicitou unha moratoria para a súa aplicación, porque estaba a punto de asinar un acordo coa Consellaría de Sanidade, a fin de realizar os recoñecementos médicos do profesorado no SERGAS, xa que suporía unha redución dos custos nun  40% (886.984 euros), en relación ao custe que significaría a externalización do servizo (2.217.461).
Ante este compromiso, o TSXG fixou unha nova comparecencia para o día 10 de febreiro de 2014. O 10 de febreiro de 2014 compareceron de novo a CIG-Ensino e Consellaría de Educación perante o TSXG. A Consellaría de Educación, contrariamente ao expresado na comparecencia do día 16 de setembro,  anunciou que non fora posíbel chegar a un acordo coa Consellaría de Sanidade e que, en consecuencia, optara por  contratar un servizo externo, mediante a tramitación pola vía de urxencia.
A CIG-Ensino considera improcedente que se privatice o servizo de prevención de riscos laborais, cando, segundo os propios cálculos da Consellaría de Educación, de se realizaren os recoñecementos médicos no SERGAS o custo sería un 40% máis barato, isto é, 886.984 euros menos.
“Para a CIG-Ensino esta actuación é absolutamente inaceptábel e inxustificábel e supón, na práctica, unha malversación do diñeiro de todos os galegos e galegas. O afán privatizador do PP lévao mesmamente a malgastar preto dun millóns de euros. Por iso pedimos que se investigue cales son as causas de que non se puidese dar este acordo”, dixo Louzao, que tamén lembrou que as Consellaría de Educación e Sanidade pertencen ao mesmo goberno e están xestionadas por responsábeis do mesmo partido.

Avoaescola ten menos de 48 horas

Avoaescola ten menos de 48 horas para conseguir o financiamento.

Pódese contribuír no web da plataforma Verkami ( http://www.verkami.com/projects/7981-avoaescola-unha-escola-infantil-en-galego).

Avoaescola é un espazo educativo en galego dedicado a nenos e nenas ata os tres anos, que busca que a infancia teña contacto coa lingua galega.

Avoaescola ten o prazo de matrículas aberto e a partir do día seguinte de alcanzar o financiamento iniciará a selección do persoal educativo para súa escola en Narón (Ferrolterra), coa creación de tres postos de traballo.

A cooperativa Avoaescola, sen ánimo de lucro,  está formada polos socios e socias de Galiza co Galego que promoven a pervivencia cultural e de valores dun pobo e que creen no futuro da lingua galega e nunha pedagoxía que parta da indagación e da investigación-acción, cunha metodoloxía activa, participativa e colaborativa, en busca da consecución da autonomía dos nenos/as, fomentando valores como a igualdade, a solidariedade, a empatía, o respecto, a coeducación, a tolerancia e o coidado do medio ambiente.

"Los más brillantes de la ESO Tres de los veinte mejores estudiantes de secundaria del curso pasado en Galicia son de centros públicos de la ciudad, uno del IES Valle Inclán y dos del Sánchez Cantón"

Dende FANPA-PONTEVEDRA queremos dar a noraboa a estes alumnos/as e, por suposto á toda a comunidade educativa do IES VALLE-INCLÁN E IES SÁNCHEZ CANTÓN.

Este curso estudian primero de bachillerato y con 16 años ya tienen bastante claro hacia dónde orientar su futuro profesional. Son de la última generación que hará el actual selectivo. Úrsula Andrea Martínez Álvarez, del IES Valle Inclán de Pontevedra, y María Bará Louro y Andrés Vidal González, ambos del IES Sánchez Cantón, fueron el curso pasado los mejores alumnos de educación secundaria obligatoria (ESO) de la ciudad y de los veinte más brillantes de Galicia. El martes recibieron en la Cidade da Cultura de Santiago el premio extraordinario de ESO al rendimiento académico en un acto «bastante aburrido».
http://www.lavozdegalicia.es/notici...

Gústame o galego, como cho digo!

Milleiros de persoas dixeron nos últimos dous anos "gústame o galego!". Co impulso da Coordinadora de Traballadores e Traballadoras de Normalización da Lingua (CNTL), esta campaña foi -e está a ser- un dos maiores éxitos na aposta pública polo uso normal da lingua propia de Galicia dos últimos tempos. Cando aínda seguen a recolleitar parabéns e recoñecementos públicos pola iniciativa, caso por exemplo do premio Xoán Manuel Pintos, a CTNL está xa inmersa nun  novo proxecto, que se dará a coñecer este martes en Compostela.
A Coordinadora mantén o suspense sobre o contido concreto da nova iniciativa da que, non obstante, xa ofrecen algúns datos, a comezar polo nome: Como cho digo, lema que acompañan cunha chiscadela gráfica que dá a idea de que o ton será moi semellante á anterior acción normalizadora. Despois de que Gústame o galego fose apoiada por multitude de persoas anónimas e coñecidas desta volta a CTNL arrodéase, xa de inicio, por multitude de rostros coñecidos co obxectivo de pular pola "visibilización" do uso do galego.
O obxectivo da nova campaña é "visibilizar" o uso normal do idioma
Luís Davila, Fernando Vázquez, Moncho Fernández, Sés, Verónica Boquete, Pilar Neira, Manuel Bragado, Ezequiel Mosquera, Yolanda Castaño, Luís Villares ou María Mera son algunhas das persoas que, procedentes de multitude de ámbitos sociais e profesionais, apoian esta campaña. Para saír de dúbidas a CTNL convoca un acto público o devandito día 25, ás oito da tarde no Espazo Cultural da compostelá Nave de Vidán. Alí, adiantan, "intervirán diversas persoas participantes na campaña", acompañadas da música de Uxía Senlle e Najla Shami. A conta atrás está a piques de rematar.
Logotipo da campaña