ProLingua recórdalle ao secretario xeral de Política Lingüística que o seu departamento ten como función a normalización da lingua galega. Valentín García nega “rotundamente” ningunha axuda de Cultura e do seu departamento ao premio da Orden del Camino.
Esta foi a denuncia que fixo este mércores Prolingua e que o departamento que dirixe Valentín García negou “rotundamente”. “Nin a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, nin a Secretaría Xeral de Política Lingüística subvencionan con ningunha cantidade económica o Premio de Novela Camiño de Santiago convocado pola Academia Xacobea – Fundación Orde do Camiño de Santiago”, apuntou nun comunicado.
Ademais, este departamento salientou que a dotación económica do premio é achegada “integramente” pola fundación a través dos seus propios medios ou por convenios que realicen con outras entidades non pertencentes á Xunta de Galicia.
A SXPL destaca que convenio asinado entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Fundación Orde do Camiño de Santiago, establece que a colaboración farase respecto á “constitución do xurado, prestación de apoio institucional, difusión do premio e outras accións que no seu caso se poidan acordar expresamente”. “Como se pode comprobar, ningunha delas ten asociada cantidade ningunha para a súa realización”, engade.
Redución dos orzamentos da SXPL
Desde Prolingua lembran que a SXPL é o órgano da Xunta encargado da promoción do galego e de planificar e poñer en marcha as políticas relativas á lingua galega. “Supoñamos que alguén pretendense que a SXPL lle subvencionase un proxecto para, poñamos por caso, a protección do Geomaculacus maculosus (un tipo de lesma) nas Fragas do Eume. Pensariamos, con razón, que esa persoa non rexe ben porque a conservación dos moluscos non entra dentro das competencias asignadas á SXPL. Se, así e todo, a SXPL subvencionase este proxecto, estaría cometendo unha fraude por desviar a outros fins partidas orzamentarias que debían destinarse a medidas normalizadoras da lingua galega”, apunta esta entidade nun comunicado.
Ademais, suliña que os orzamentos para a política lingüística reducíronse nun 70% e levan neste nivel seis anos. “Secasí, recortáronse nesta mesma proporción as partidas para os ENDL dos centros de ensino; os programas de axuda aos SNL dos concellos foron aniquilados; practicóuselle a eutanasia aos Celga etc. Se do cada vez máis cativeiro orzamento para a SXPL desbotamos os gastos de mantemento, só nos quedarán para investir en accións normalizadoras unha media 0,73 € por persoa. Un insulto”, di esta entidade.
Liñas de “promoción” do galego
“A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia dirixe todas as súas liñas de actuación a promover o uso do idioma galego en todos os ámbitos sociais e, baixo ningún concepto, está a destinar nin destinará as súas partidas orzamentarias ao financiamento de proxectos de calquera clase ou natureza que non compartan este obxectivo”, responden desde o departamento de Valentín García.
Prolingua insiste en que denuncian este premio porque “xa non se trata xa de que o que se vaia subvencionar non teña nada que ver coa promoción do galego, senón que vai na súa contra”. “Se ademais atendemos ao contexto en que se produce esta agresión, veremos multiplicada a súa gravidade”, engade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario