Os indicadores galegos relacionados coa I+D+i amosan dende hai anos
cifran moi preocupantes, que revelan que -coincidindo coa crise
económico- a innovación galega, tanto nas universidades e outros
organismos públicos coma nas empresas privadas, freou en seco, comprometendo o seu desenvolvemento futuro e a capacidade de Galicia para competir. A situación é moi preocupante no capítulo de persoal, sobre todo nas institucións públicas: O persoal investigador público reduciuse un 20% en Galicia dende 2009. Pero tamén o é noutros ámbitos.
Por exemplo no das patentes e os modelos de utilidade, como destaca Diego Sande Veiga nun artigo de opinión publicado este luns en Praza. Despois
de acadar un máximo no ano 2010 (194 patentes), o seu número descendeu
nos catro anos seguintes, ata situarse nas 146 en 2014, dato semellante
ao de 2006. O mesmo sucedeu cos modelos de utilidade
(creacións técnicas que inciden na forma, estrutura ou constitución de
produtos usuais e frecuentes que atribúen ao produto conformado unha
maior utilidade da que tiña antes de impoñerlle esa forma nova), que
tiveron o seu máximo no 2011 (194) para caer en 2014 ata os 91, inferior
ao que se rexistraba unha década antes.
Outros indicadores amosan un panorama semellante. O número de
empresas galegas con actividades innovadoras, en ascenso ata o 2008
(cando chegaron a ser 1.930), descendeu nos seis anos seguintes, ata
ficar nas 973 de 2014. Os datos das empresas con innovacións en
curso (EIN) e das empresas tecnoloxicamente innovadoras son
semellantes. De igual xeito, a estatística relativa á intensidade de
innovación (cociente entre o gasto en actividades innovadoras e a cifra
de negocios) tamén segue unha traxectoria descendente, dende os 1,21
puntos de 2008 ata os 0,77 de 2014.
No seu artigo, Diego Sande Veiga salienta que "no período 2008-2014 e
coincidindo coa crise a porcentaxe de investimento público en I+D caeu
do 1,00% ao 0,87%", o que explicaría boa parte das tendencias apuntadas.
Sande alerta de que no período 2014-2020 Galicia estará entre
os territorios da UE que menos recursos percibirá para innovación, "precipitándose cara o baleiro ao repetir o erro procíclico anterior e impedindo o achegamento ás rexións máis desenvolvidas".
"Como se pretende reverter a precaria situación da innovación
empresarial na nosa terra con estas políticas? Ou é que realmente xa non
se pretende? Que acontece co necesario cambio estrutural que debemos
afrontar para ofrecer a Galicia e aos seus cidadáns perspectivas de
benestar e viabilidade económica futura a través de actividades que
xeren maior valor engadido?", pregúntase, advertindo que o futuro da innovación empresarial non se pode deixar á vontade da "man invisible", e demandando unha política pública de apoio á I+D+i.
Ningún comentario:
Publicar un comentario