venres, 23 de novembro de 2012

O TSXG anula o artigo do decreto do plurilingüismo que vetaba o enino do galego en infantil

 A Xunta cre que a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), na que se cuestiona a esencia do decreto do plurilingüismo, "constata a súa legalidade e avala o equilibrio entre galego e castelán", segundo un comunicado emitido este xoves á noite pola Consellería de Cultura e Educación.

O TSXG estimou parcialmente o recurso presentado pola CIG, a Mesa pola Normalización Lingüística e a Queremos Galego contra o Decreto 79/2010 aprobado polo Goberno de Núñez Feijóo. Así, anula o artigo 5.2., a realización dunha enquisa entre os pais e nais en Educación Infantil que supuxo por exemplo o varrido do galego no 96% dos centros de das cidades, e o 12.3. no que se establecía que o alumnado podería usar na aula a lingua da súa preferencia, neste caso porque é contrario ao desenvolvemento da Lei de Normalización Lingüística e ao fomento do uso progresivo do galego.
Xa que logo, a sentenza elimina o cerne mesmo desta polémica normativa, que provocou unha morea de recursos xudiciais, o rexeitamento de toda a oposición e a comunidade escolar, históricas manifestacións na rúa e continuadas advertencias do Consello de Europa. Malia todo, a Xunta cre que a Xustiza "constata a legalidade dos principios inspiradores" do decreto ao "avalar o equilibrio entre galego e castelán" e considerar "axustada a dereito a introdución do plurilingüismo e constatar que potencia a promoción do galego no sistema educativo".
O certo é que o TSXG salva moitos dos puntos do decreto, entre eles moitos que tamén foron recorridos por sindicatos e asociacións, pero advirte que o galego debería ter “un trato diferenciado sobre o castelán nunha proporción razoable” para garantir a igualdade entre os dous idiomas oficiais. A sentenza desestima os aspectos xurídicos que considera ilegais -e que foron promesas fundamentais do PP na campaña de 2009 cara á dereita máis extrema- e alerta sobre os principios ideolóxicos da política lingüística do Goberno galego.
Aínda así, a Xunta destaca que o TSXG só invalida "o 5% do total do decreto". En canto o veto á consulta ás familias, o Goberno considera que a Xustiza lle recomenda que "exerza a súa competencia do xeito máis consensuado posible coas familias". En canto á invalidación do artigo que permitía ao alumnado empregar calquera lingua oficial na aula, o Exectuvio estima "que o Tribunal basea a súa decisión non tanto nunha cuestión de legalidade como de coherencia interna do precepto, nomeadamente entre a liberdade do alumno e a conveniencia de que coincida a lingua usada e a lingua da materia".
A Consellería de Educación esperará a que cheguen a sentenzas pendentes para "tomar unha decisión ao respecto"
Ademais, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria expresa "o seu escrupuloso respecto polas decisión xudiciais". "Polo momento estanse a estudar con prudencia as tres sentenzas emitidas e agardaremos ás que cheguen nas próximas semanas antes de tomar unha decisión ao respecto", finaliza, xa que aínda quedan pendientes decisións sobre outros recursos como o presentado pola Real Academia Galega (RAG).
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza estima parcialmente o recurso presentado pola CIG, a Mesa pola Normalización Lingüística e a plataforma Queremos Galego contra o Decreto de Plurilingüismo do Goberno de Núñez Feijoo. En concreto, anula o artigo 5.2., no que se estipulaba a realización dunha enquisa entre os pais e nais en Educación Infantil que supuxo por exemplo o varrido do galego no 96% dos centros de in-fantil das cidades, e o 12.3. no que se establecía que o alum-nado podería usar na aula a lingua da súa preferencia, neste caso porque é contrario ao desenvolvemento da Lei de Normalización Lingüística e ao fomento do uso progresivo do galego. CIG-Ensino reclama a derrogación completa do Decreto de Plurilingüismo e o inicio de negociacións para aprobar un no-vo decreto que recolla os obxectivos e as propostas do Plan Xeral de Normalización Lingüística aprobado por unanimidade do Parlamento galego no ano 2004. En termos semellantes o BNG demanda "a inmediata derrogación do Decreto do Pluri-lingüismo e o cesamento do conselleiro de Educación en fun-cións". E pídelle ao PP que retorne "ao consenso que existiu cando o Parlamento Galego aprobou o Plano de Normaliza-ción Lingüística, consenso que rachou unilateralmente ao aprobar a primeira lexislación da historia do país que supuña un paso atrás no estatus da nosa lingua nas aulas". Pola súa banda, a Consellería de Educación afirmou o seu "escrupuloso respecto" pola sentenza pero considera que o TSXG "avala o equilibrio entre galego e castelán". En relación á anulación do artigo 5.2 declarou que "a Administración de-be exercer a súa competencia do modo máis consensuado posible coas familias". A consellaría concluíu que que se están estudando “con prudencia” as tres sentenzas emitidas, antes de tomar unha decisión. Esa consulta aos pais, agora eliminada, provocaba que mes-mo cando o 40% das familias urbanas escollera que os seus fillos e fillas tivesen o galego como lingua de aprendizaxe, eran contados os centros nos que esa opción era maioritaria polo que practicamente todas as aulas de educación infantil en Galicia se imparten en castelán. A este respecto o TSXG afirma que a Administración non pode “abdicar” das súas responsabilidades e que a elección de lingua no ensino fica “fóra” da “esfera de elección dos pais”. Na sentenza engade que “non cabe dúbida de que a dita abdicación da potestade de ordenación xeral do ensino ten lugar cando se establece que o profesorado usará na aula a lingua materna predomi-nante entre o alumnado, reputando decisivo para determinala o resultado dunha pregunta que se lles efectuará aos pais, nais, titores/as ou representantes legais dos alumnos antes do comezo do curso escolar”. Para A Mesa a sentenza deixa claro que “o galego terá que regresar á educación infantil das cidades”. En canto ao artigo 12.3 que a sentenza cualifica como “ilegal”, ao permitirlle “ao alumnado a utilización do castelán malia que sexa o galego a lingua en que se imparte a área, materia ou módulo". O TSXG afirma que este punto do Decreto contradí o mandato da Lei de Normalización no seu ar-tigo 13.2 que esixe o "fomento do uso progresivo do galego", xa que "non facilita a adquisición da destreza esixida ao alumno na lingua propia desta Comunidade Autónoma desde o momento en que se lle permite que non fale ou escriba na lingua galega cando é esta a propia da área, materia ou mó-dulo”. A Mesa lembra que o principio de que nas materias que se impartan en galego deba utilizarse a lingua galega foi un dos elementos centrais en que se centrou o PP para atacar o decreto de 2007. Porén, este principio que o TSXG conside-ra o único admisible legalmente non estaba só no decreto de 2007, senón que figuraba tamén en toda a lexislación auto-nómica anterior, "até que a Xunta presidida por Alberto Nú-ñez Feijóo decidiu impor un principio que, ademais de ilegal, vai contra todo criterio pedagóxico", sinala A Mesa.
O TSXG salva o resto dos puntos do decreto, entre eles moi-tos que tamén foron recorridos por sindicatos e asociacións, pero salienta que o galego debería ter “un trato diferenciado sobre o castelán nunha proporción razoable” para garantir a igualdade entre os dous idiomas oficiais. Un decreto amplamente criticado O Decreto do Plurilingüismo fora recorrido ante a Xustiza por diversos colectivos e asociacións como A Mesa pola Normali-zación Lingüística, os sindicatos STEG e CIG e mesmo a Real Academia Galega. Todos eles denunciaron que a nova norma-tiva restou presenza ao galego nas aulas -ao pasar dun mí-nimo do 50% á equiparación co castelán-, vetou o uso da lingua propia nas materias técnicas ou imposibilitou que os nenos de Educación Infantil puidesen comezar a súa andaina escolar en galego. En definitiva, censuraron "a desprotección do idioma máis débil". O TSXG admitiu a trámite todos os recursos en contra do decreto case un ano despois da súa aplicación, aínda que rexeitou paralizalo cautelarmente, tal e como lle pedía A Mesa, unha decisión que a Xunta interpretou como apoio ás súas teses lingüísticas. Nin moito menos. Esta sentenza únese aos informes negativos do Consello Con-sultivo, ao voto negativo do Consello Escolar de Galicia e ao informe do Comité de Expertos do do Consello de Europa que denunciou a discriminación na que se atopaban os e as falantes de galego, sobre todo no ensino. Os expertos do Consello de Europa amosábanse “preocupados” pola redución “da edu-cación en galego” nas escolas. Lembrábanlle ás autoridades que malia que a lexislación vixente non implica unha educa-ción plena en galego, si é necesario “que haxa un número suficiente de escolas que ofreza educación completamente ou esencialmente en galego”, xa que ese é un dereito “dos pais que así o desexen” e porque se ten que “garantir” que se cumpran as escollas das familias. Algo que non ocorre en ningún caso, especialmente en Edu-cación Infantil, onde malia que, por exemplo, o 40% das fa-milias urbanas escolleu a lingua galega como a principal para o ensino dos seus fillos, nin tan sequera un 10% das escolas ofrecen esa opción. De feito, o Consello de Europa “instaba”
as autoridades a que “fagan posible” esa educación en galego en Primaria e Secuncaria.

xoves, 22 de novembro de 2012

O Consello de Europa volve pedir máis protección para o galego


O Consello de Europa pide unha maior protección para a lingua galega. Tan só un mes despois de que un informe do organismo censurara con claridade a política lingüística da Xunta, á que acusaba de "reducir progresivamente o ensino en galego en todos os niveis, así como a súa estrutura de apoio", a entidade volve solicitar protección para o idioma, ao igual que para o catalán e o éuscaro.
A situación do galego avalíase agora tamén á hora de comprobar o cumprimento do Convenio Marco para a Protección das Minorías Nacionais.
Este novo apoio do Consello de Europa chega logo da avaliación do Convenio Marco para a Protección das Minorías Nacionais, tras a que se insta as administracións do Estado a que dialoguen coas entidades defensoras das linguas cooficiais en España e na que se reclama unha maior protección para estes idiomas. Precisamente, unha desas entidades, A Mesa pola Normalización Lingüística, colaborou no feito de que a situación do galego fose considerada na devandita avaliación sobre un convenio que España ratificou en 1995, pero que nunca se centrara no idioma galego, que agora si se inclúe entre os protexidos por ese tratado internacional.
Xa que logo, ademais da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, o Convenio Marco para a Protección das Minoría Nacionais -cuxo cumprimento é avaliado polo Consello de Europa-, convértese nun instrumento máis para a defensa dos dereitos lingüísticos dos galegofalantes e que, segundo o propio organismo europeo, non están para nada asegurados. O membro do comité de expertos do Consello de Europa, Alberto López Basaguren, asegurara nunha entrevista a Praza que "a opción" en Galicia ante o incumprimento destes tratados internacionais non era outra que "pór de relevancia que se incumpren e poñer as autoridades ante o compromiso político de xustificarse ante a cidadanía". "A experiencia demostra que, aínda necesitando tempo, este tipo de instrumentos acaban tendo importantes efectos", dicía.
"O Estatuto de Autonomía e a protección da Carta Europea non exclúe que o galego se beneficie dunha protección adicional e complementaria”
Neste último relatorio do Convenio, o Consello de Europa critica que desde o Estado español non se queira ofrecer o amparo que para os pobos e culturas galega, catalá e vasca supón este tratado internacional. "Aínda que teñan estatutos de autonomía e a protección da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, iso non exclúe que se beneficien dunha protección adicional e complementaria”, asegura, tras incidir tamén en que o Convenio "debería proporcionar protección adicional para as súas identidades específicas, particularmente no ámbito do ensino e no dos medios de comunicación" onde, segundo se di, "as dificultades específicas foron comprobadas". Ademais, o texto fai referencia ao caso dos territorios falantes de galego que pertencen administrativamente a Asturias e Castela e León.
"Rajoy e Feijóo deben abrir ben as orellas, escoitar e cumprir cos tratados internacionais", di A Mesa
O presidente da Mesa, Carlos Callón, reclama así que “Mariano Rajoy e Alberto Núñez Feijóo abran ben as orellas e escoiten” e, “con maior énfase”, e demanda que o novo Goberno da Xunta “rectifique as desfeitas que el mesmo fixo nestes anos e pase a cumprir cos tratados internacionais sobre dereitos lingüísticos”.
Carlos Callón mantivera unha reunión en decembro de 2011 co Comité do Consello de Europa para o Convenio Marco para a Protección das Minoría Nacionais: Rainer Hoffman (presidente), Olga Butkevych e Aliona Grossu (vogais). Segundo A Mesa, "os representantes do Consello amosáranse moi interesados no caso galego e trasladaran o seu especial abraio porque en Galicia se prohiban os modelos educativos nucleados na lingua propia". "Isto é algo que non se produce en ningún outro estado que subscribise, com o español, ese tratado interncional", lembra o colectivo, que recorda que "nin tan sequera en Francia existe esa prohibición que si acontece en Galicia desde que goberna Alberto Núñez Feijóo".



martes, 20 de novembro de 2012

'Somos Acó', o documental que pon voz ao sufrimento do ensino rural


Somos Acó. Así se titula o documental que vén de sacar á luz Fílmika Galaica. Unha reportaxe que “denuncia o sufrimento das familias do rural galego polo desmantelamento das escolas públicas por parte da Administración”, pero que tamén amosa, como aclaran os creadores, “a esperanza e loita destas familias para defender o rural como medio para desenvolver unha vida digna e con futuro”.
O documental reflicte mediante variados testemuños a crítica situación pola que pasa o rural e, nomeadamente, as súas escolas
Dirixido e producido por Seném Outeiro e Roi Carballido, o documental pretende reflectir mediante variados testemuños a crítica situación pola que pasa o rural e, nomeadamente, as súas escolas. Desde hai meses, plataformas en defensa da educación no rural e numerosas anpas, apoiadas por sindicatos e colectivos sociais, denuncian os recortes na educación das pequenas aldeas galegas. Redución de profesores e especialistas, reagrupamentos dos cativos de catro ou cinco niveis nunha mesma aula, falta de material e medios.
En definitiva, “unha clara de situación de discriminación onde non se garante o dereito á igualdade de oportunidades para os nenos e nenas da montaña e do rural”, tal e como se denunciou o pasado 12 de setembro nunha manifestación que culminou unha marcha reivindicativa de familias que comezara xa en xullo.
Precisamente, Somos Acó repasa a través das denuncias de pais e profesores a situación do ensino no rural á vez que intercala imaxes e testemuños desa manifestación final no comezo de curso.
"Cando o rural peche, haberá que seguir comendo e do rural sae a verdura ou a carne.
“Quitándonos a educación están facendo que pechemos as casas e busquemos a vida noutras sitios, pero somos moitos e nas cidades non vai haber sitio para todos; cando o rural peche, haberá que seguir comendo e do rural sae a verdura ou a carne”, conta no documental María Jesús Neira, nai do Incio, que cre que os están “matando pouco a pouco”. “Queren que volvamos á antigüidade”, insiste.
“Canto máis cedemos, máis nos recortan”, di tamén Vanessa Fernández, unha muller de Samos, que denuncia como os seus fillos e compañeiros comparten dúas aulas para todos os cursos e ciclos no colexio. “Estase expulsando os nenos do medio rural para que non vivan nel, ao igual que se expulsa as parellas novas do rural; ao Goberno débelles molestar por varias razóns”, asegura tamén Pedro Rodríguez, de Samos.
Unha a unha, varias persoas van definindo a situación das súas aldeas, a despoboación, a falta de recursos nas escolas ou as dificultades tanto dos docentes como dos alumnos para recibir unha educación ao nivel da de vilas e cidades. “Temos os mesmos dereitos que os que non viven no rural”, insisten. “Porque unha zona rural sen nenos, morre”.
Documental que denuncia o sufrimento das familias do rural galego polo desmantelamento das escolas públicas por parte da Administración. Tamén amosa a esperanza e a loita destas familias para defender o rural como medio para desenvolver unha vida digna e con futuro. Foi rodado no verán de 2012 na montaña de Lugo e na cidade de Compostela froito da colaboración entre Fílmika Galaika e os diversos coleitivos afectados polas políticas desmanteladoras da administración.

"Somos Acó".

Dirección e Produción: Seném Outeiro e Roi Carballido. Montaxe e edición: Roi Carballido. B.S. Que Chova do grupo Quempallou.




xoves, 15 de novembro de 2012

Prolingua insta a Xunta a derrogar o Decreto de Plurilingüismo despois do 'suspenso' do Consello de Europa


O pasado 25 de outubro deuse a coñecer o informe do Consello de Europa que avalía o cumprimento da Carta Europea de Linguas Rexionais. Nel, sinaláronse unha serie de incumprimentos, nomeadamente no ensino e nos medios de comunicación, pois o texto expresaba a súa preocupación "pola redución progresiva do ensino en galego en todos os niveis e da súa estrutura de apoio" e solicitáballe á Administración "un número suficiente de escolas" que permita educar os rapaces en lingua galega. Prolingua elaborou unha reflexión sobre o contido do informe e unha serie de demandas concretas ao Goberno galego á luz dos seus resultados.
Nela a plataforma indica que "téndomos en conta que este 3º Informe do Consello de Europa foi rebaixado de intensidade nas súas conclusións no momento da súa aprobación polo Consello de Ministros, seméllannos moi relevantes as advertencias e recomendacións que lle fai este Informe ao goberno galego e que supoñen, na práctica, a condena e rexeitamento do Decreto de Plurilingüismo". Tamén afirma que o ditame supón "unha seria advertencia ao goberno do PP acerca dos graves incumprimentos que está a cometer da aplicación da Carta Europea das Linguas en materias de funcionariado, administración, xustiza, medios de comunicación, sanidade, mundo laboral e eido asistencial".
A plataforma denuncia que o presente Decreto, "como demostra este Informe", só serviu "para que o galego recuase moi perigosamente no eido educativo"
Prolingua demándalle ao Goberno galego que revogue o Decreto de Plurilingüismo e elabore outro novo "consensuadamente, un novo Decreto que abranga e garanta unha liña de ensino en galego como lle pide Europa". A plataforma denuncia que o presente Decreto, "como demostra este Informe", só serviu "para que o galego recuase moi perigosamente no eido educativo".
Tamén lle esixe á Xunta que apoie os medios en galego e faga cumprir "o compromiso do mínimo de 50% de emisión en galego ás emisoras concedidas". Así mesmo pídelle que esixa "de verdade" un coñecemento "digno" oral e escrito do galego aos funcionarios da administración, da xustiza e do ensino, "á vez que debe acabar coas discriminacións do galego nos eidos laboral, sanitario e asistencial".
Tamén lle esixe á Xunta que apoie os medios en galego e faga cumprir "o compromiso do mínimo de 50% de emisión en galego ás emisoras concedidas"
En definitiva Prolingua demándalle á Xunta que cumpra coa Lei de Normalización Lingüística e co Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, textos aprobados por unanimidade polo Parlamento Galego. E afirma que "o goberno do PP, en suma, debería ter ben presente que a lingua galega nunca foi un problema e que debe evitarse toda controversia partidaria, porque a o galego é un patrimonio de todos, mesmo dos que non o falan".



mércores, 14 de novembro de 2012

Búscanse persoas voluntarias para traducir Twitter ao galego


O proceso de tradución de Twitter ao galego está en marcha e vai a bo ritmo, grazas aos voluntarios e voluntarias que de xeito desinteresado impulsaron todo tipo de accións na propia rede (e noutras redes) para acadalo, pero para rematalo cómpre contar con máis mans neste labor colectivo. Así o conta Carlos García, impulsor desta iniciativa (Twitter en galego), que contou co visto e prace dos responsables da propia rede o pasado 18 de setembro, e que é apoiada e seguida por máis de 16.000 seareiros. ¿Que que queda por facer? Pois hai que lembrar que a aprobación da solicitude, por parte de Twitter, para incluír unha versión en galego do servizo estipula que son os mesmos usuarios galegos os que teñen que achegar o glosario na súa lingua. Este traballo non sei fai nun día e malia estar avanzado, precísanse máis voluntarias/os.
Segundo reflicte Carlos García, o labor colectivo é imprescindible para que axiña poidamos ler Twitter en galego, cousa para a que non é preciso contar con grandes coñecementos en informática ou en filoloxía galega. O sistema vertébrase por votacións. Así, tradúcese un termo e logo a comunidade sométeo a exame, axudándose uns membros a outros e sen que exista a figura dun único supervisor.
O proceso de tradución de Twitter, como recordaremos, tamén inclúe un espallamento alén da web. Así, a intención é chegar á versión móbil do servizo, ás aplicacións de Twitter para Android, iOS, OS X e Windows (TweetDeck) e a outros servizos asociados, para acadar unha localización á altura doutras linguas como o español.

Máis información en Código Cero.

Cultura e Educación presenta novas iniciativas para dinamizar o galego no ámbito do ensino


A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, da man da SXPL, está poñendo en marcha novas iniciativas que contribuirán a dinamizar a lingua galega nos centros de ensino. Trátase, por unha banda, de materiais elaborados por diferentes equipos de dinamización da lingua galega que, pola súa orixinalidade e calidade, poden servir de referente para os compañeiros doutros colexios e institutos; por outra, dunha xornada de formación dirixida fundamentalmente ao profesorado que forma parte destes equipos, na que se abordará a acollida en galego ao alumnado inmigrante; e, finalmente, convocouse unha nova edición do concurso para elaborar os carteis dunha exposición sobre o autor homenaxeado o Día das Letras Galegas, o dramaturgo Roberto Vidal Bolaño.

Novos recursos para EDLGs

Dende a semana pasada están accesibles na sección dedicada aos equipos de dinamización da lingua galega do web da SXPL novos materiais e experiencias de referencia elaborados en máis de trinta centros educativos de infantil, primaria e secundaria.
Os materiais, que se ofrecen como modelo de boas prácticas, son variados, tanto polas temáticas que abordan coma polos soportes e medios que empregan. Unha boa parte deles son recursos específicos para a época do ano en que estamos e ocúpanse –en formato vídeo, presentación, webquest ou unidade didáctica en papel, entre outros– do outono, do magosto e do Samaín, ou da celebración do Día Internacional da Ciencia. Mais tamén hai novidades en forma de concursos, de axendas escolares que inclúen modelos para facilitar que a comunicación familia-escola se produza en galego, vocabularios, lipdubs, blogues... Propostas elaboradas por profesorado, alumnado e persoal non docente e dirixidas fundamentalmente ao estudantado, pero tamén ás familias.

Xornadas formativas

Os días 16 e 17 de novembro celebrarase no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA), en Santiago de Compostela, unhas xornadas formativas que abordarán a acollida en galego ao alumnado procedente do estranxeiro. O tema escollido responde ao pedimento reiterado do profesorado integrante dos EDLGs, preocupado por ofrecerlles a estes rapaces unha acollida sustentada na interculturalidade, de xeito que cheguen a considerar a nosa lingua como propia da comunidade que os recibe e como un signo de identidade cultural no que poden e deben participar, sen ter por iso que renunciar á do seu país de orixe. O programa completo da xornada pode consultarse na páxina web da SXPL.

Letras Galegas 2013.

Coma cada ano, a SXPL, da Consellería de Cultura e Educación, convoca un concurso para que os centros educativos elaboren unha exposición de carteis sobre o autor homenaxeado o Día das Letras Galegas. Os traballos gañadores nas modalidades de infantil e primaria, por unha banda, e do resto de centros educativos, por outra, recibirán unha dotación de 2500 euros e serán difundidos por todos os colexios e institutos galegos, así como por entidades da Rede de Dinamización Lingüística, bibliotecas e outros puntos de interese.
Os obxectivos deste concurso son potenciar o estudo da obra e da época de Roberto Vidal Bolaño, propiciar a reflexión sociolingüística sobre esta etapa histórica, fomentar a valoración das contribucións individuais e colectivas á dignificación e normalización da lingua galega ou enriquecer a oferta de materiais existentes no idioma propio de Galicia e promover a súa divulgación, entre outros.
O prazo de presentación dos traballos está aberto ata 16 de xaneiro de 2012.

Toda a información pódese consultar no web www.xunta.es/linguagalega.
Información tirada do web da SXPL.





A aplicación de busca de Google para iOS xa entende o galego falado


A aplicación tamén mellora a súa velocidade de xeito que é máis áxil que realizar as consultas dende un navegador web, permite buscar imaxes a pantalla completa, descarta páxinas web para volver aos resultados de busca, busca nunha páxina web co buscador de texto integrado e tamén permite recoñecer imaxes mediante Google Goggles.
Cómpre lembrar que este tipo de buscas por voz de Google son bastante anteriores ao popular Siri de Apple, e tamén permite realizar certas consultas en linguaxe natural, de xeito que é capaz de facilitarnos resultados deportivos, información da carteleira cinematográfica local e outros datos integrados no gráfico de coñecemento de Google.

Información tirada da revista dixital Código Cero.

“Avalingua”, ferramenta de CilenisTM para examinar a calidade do galego escrito


Unha axuda para un exame minucioso do nivel de lingua.

Avalingua axudará na autoaprendizaxe e fomentará a valoración crítica dos erros cometidos coa súa análise e proposta de solucións, coa finalidade de mellorar a nosa capacidade lingüística.
Partindo dun texto escrito, este software analizarao buscando e clasificando os erros que encontre, grazas a ferramentas de procesamento da lingua natural e numerosos recursos lingüísticos. Estas mesmas ferramentas e recursos permitirán cuantificar os erros e clasificalos.

O esqueleto de Avalingua.

O sistema de avaliación automática contará con estes módulos fixos e uns constituíntes que poderán variar en función da lingua que se queira analizar:

• Identificador de erros ortográficos e léxicos + proposta de corrección, con dous submódulos:

Un corrector ortográfico tradicional.

Un identificador e clasificador de erros léxicos comúns (por exemplo, castelanismos, hiperenxebrismos... para o galego).

• Identificador de números, formas con caracteres especiais e nomes propios, que non se deben contar como erros mesmo se non forman parte do VOLG, no caso do galego, ou de un vocabulario de referencia, no caso doutras linguas.
• Identificador de formas con prefixos ou sufixos produtivos, que non están recollidos nos léxicos de referencia (chamados "Warnings").
• Identificador de erros gramaticais, como o analizador de dependencias DepPattern.
• Identificador de palabras estranxeiras, especialmente anglicismos e latinismos.
• Identificador de lingua para citas ou expresións longas noutras linguas.

Información tirada do web de Cilenis.

Os primeiros anuncios publicitarios en lingua galega datan do século XIX


Á compañía estadounidense Singer correspóndelle, de feito, a primeira mostra de proxección internacional promovida en galego, a través dos anuncios publicados no semanario A Monteira (1889-1890) para vender as súas máquinas de coser na lucense Rúa da Raíña.
Os primeiros exemplos illados de anuncios en galego poden atoparse no século XIX en prensa editada en castelán, pero, sobre todo, no periódico ourensán O Tio Marcos d'A Portela, nacido no 1876 e que na súa segunda época –desde 1883– incorporou unha sección dedicada a esas promocións. A presenza de anunciantes nas páxinas do considerado primeiro xornal escrito integramente en galego foi bastante irregular, pero, igual que fixo noutros ámbitos, a publicación creada por Valentín Lamas Carvajal abriu portas.
Así, e como constata a Real Academia Galega, a publicidade estará despois presente en todos os periódicos monolingües, desde O Galiciano de Pontevedra ata As Burgas de Ourense e A Monteira de Lugo, que foi tamén onde viu a luz a primeira necrolóxica en galego. Moitos reunían a publicidade no que chamaban 'seucion d'anuncios', e, en certo modo, contribuíron desde este novo espazo para a lingua ao rexurdimento da cultura galega durante o século XIX. Tamén hai exemplos na diáspora, onde se poden atopar anuncios de comerciantes galegos que vendían produtos na súa lingua de orixe.
Xa no XX, a revista Nós tamén incorporou o galego á publicidade nas súas páxinas con deseños sofisticados, igual que A Nosa Terra. Impulsada polas Irmandades da Fala, a publicación recolle moitos anuncios nesta lingua, incluídos algúns de marcas foráneas que querían gañar a simpatía do mercado local.
Na década dos 50 o galego serviu tamén para promocionar produtos contra os andazos do gando e do campo a través do calendario ZZ de Zeltia, que foi máis aló da publicidade. Este almanaque, do que se tiraban uns 350.000 exemplares cunha periodicidade semestral, foi durante décadas o único 'libro' en galego que existiu na maioría das casas labregas.

Etiquetas e marcas en galego

O galego tamén está presente noutros ámbitos ligados á mercadotecnia, como a rotulación –un exemplo é a que empregou a conserveira Massó– e a etiquetaxe de produtos. A primeira etiqueta redactada nesta lingua da que se ten constancia data de finais do século XIX e corresponde a unha marca de viños, Salto do Can, que distribuía un galego na Habana.
O sector vitivinícola é unha referencia tamén na utilización do galego nas marcas. Segundo Política Lingüística, "o cento por cento" desta oferta ten nomes galego referidos a topónimos do lugar onde se recolecta, algo que acontece así desde que os viños da comunidade se envasaron para a súa distribución nos mercados interior e exterior.
Non obstante, o proceso de galeguización do resto da literatura que contén a etiqueta é distinto. No 2003 había arredor dunha ducia de marcas cos envases en galego, e nove anos despois son sobre a metade das existentes. Segundo a Xunta, esta cifra ten máis relevancia se se ten en conta que as adegas de gran volume de produción –que envasan o 80% do total– xa etiquetan as súas marcas en galego.

O galego vende

É un exemplo de que se pode vender en galego, e que conecta coa recomendación da mercadoctenia de identificar os produtos coa denominación de orixe como unha garantía da calidade do produto. Por iso os champañas franceses se recoñecen por estaren etiquetados nesa lingua. O caso dos perfumes é se cabe máis evidente, xa que se asocian á súa procedencia gala e algunhas empresas mesmo fan publicidade en calquera medio nese idioma.
Os exemplos das adegas etiquetando en galego, xunto cun sector cada vez maior doutros produtos agroalimentarios unidos a empresas de servizos públicos, confirman que a utilización da lingua galega non implica ningunha dificultade para a comercialización. Con esta base, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, en colaboración con institucións como o Foro Enrique Peinador, incide na necesidade de elaborar un discurso novo, imaxinativo e con grandes doses de pedagoxía para convencer os axentes económicos das bondades de utilizar a lingua galega na publicidade e na etiquetaxe.
É que Galicia precisa garantir a permanencia da súa lingua mediante a incorporación aos novos espazos sociais. E o económico é "fundamental" para a subsistencia do idioma. Ademais, a "singularidade" dos produtos é "a mellor maneira de diferenciación" nos mercados da globalización.

Información tirada de El Progreso.

II edición de "Explícoche Matemáticas 2.0"


O obxectivo do concurso Explícoche Matemáticas 2.0 é promover a utilización do galego como medio de transmisión das Matemáticas, así como a creatividade do alumnado, a través da realización de curtametraxes de dous minutos de duración nas que se explique en galego un concepto matemático.
Poderá participar todo o alumnado da Facultade de Matemáticas da USC, de maneira individual ou en grupos de, como máximo, tres persoas. Os proxectos realizados deben remitirse á Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas, no enderezo zmatdeca@usc.es ata o 1/3/2013. Os vídeos enviaranse en formato .avi ou .mov.
Poden consultarse as bases completas deste certame aquí.

Máis información e vídeos participantes na edición anterior no web da Facultade de Matemáticas da USC.





xoves, 8 de novembro de 2012

Consellos Escolares


QUÉ É O CONSELLO ESCOLAR?

É un órgano colexiado de goberno e de participación dos diferentes membros da comunidade educativa do centro.
A súa misión é asumir a responsabilidade máxima colexiada do funcionamento da entidade escolar, para o que precisa da participación de todas as persoas afectadas. A súa constitución é obrigatoria en todos os centros públicos -tamén nos concertados-.

Competencias do Consello Escolar nun Centro Público (LOE)

Ø       Aprobar e avaliar a Programación Xeral Anual do centro (PXA) se prexuízo das competencias do claustro de profesores, con relación á planificación e organización docente;

Ø       Coñecer as candidaturas á dirección e os proxectos de dirección presentados polos candidatos;

Ø       Participar na selección do director do centro; ser informado do nomeamento e cese dos demais membros do equipo directivo. No seu caso, previo acordo dos seus membros, adoptado por maioría de dous terzos, propor a revogación do nomeamento do director;

Ø       Decidir sobre a admisión do alumnado;

Ø       Coñecer a resolución de conflitos disciplinarios e velar porque se atinxan á normativa vixente. Cando as medidas disciplinarias adoptadas polo director correspondan a condutas do alumnado que prexudiquen gravemente a convivencia do centro, o Consello Escolar, a instancia de pais, nais ou titores, poderá revisar a decisión adoptada e propor, no seu caso, as medidas oportunas;

Ø       Propoñer medidas e iniciativas que favorezan a convivencia no centro,a igualdade entre homes e mulleres e a resolución pacífica de conflitos en todos os ámbitos;

Ø       Promover a conservación e renovación das instalacións e equipo escolar e aprobar a obtención de recursos complementarios, de acordo co establecido no artigo 122.3;

Ø       Analizar e valorar o funcionamento xeral do centro, a evolución do rendemento escolar e os resultados das avaliacións internas e externas nas que participe o centro.
Dereitos que temos como membros do Consello Escolar:

Ø       Recibir a orde do día das reunións antes da súa celebración e toda a documentación necesaria, con tempo suficiente, para poder elaborar as propostas ou intervencións que nos parezan oportunas;

Ø       Participar, opinar e elaborar propostas sobre todas as cuestións que compete resolver ao Consello Escolar (especificadas no cap.II do título V da LOE)

Ø       Recibir un exemplar do PEC (Proxecto Educativo do Centro) e da PXA (Programación Xeral Anual) e das súas modificacións se as houber. Así como de todos os documentos do centro

Ø       Recibir información e opinar sobre os libros de texto e os materiais didácticos elixidos polo claustro

Ø       Coñecer e opinar sobre os resultados académicos e valoración dos mesmos

Ø       Utilizar as instalacións do centro nas condicións que estableza o Consello Escolar e define a normativa vixente

Ø       Participar na elección/selección do director ou directora e/ou propoñer a súa revogación

As ANPAS designan directamente un representante no Consello Escolar con voz e voto e, en consecuencia, poden cambialo sen ter que esperar á renovación do mesmo.

As nais e pais membros do Consello Escolar debemos coordinar as nosas actuacións; deberíamos manter, sempre que fose preciso, unha reunión previa da sesión do Consello coa Xunta Directiva da ANPA e presentar todos aqueles aspectos, suxestións e proxectos que a ANPA considere que son importantes para mellorar o funcionamento do centro ou intervir na xestión democrática do mesmo.

Os consellos escolares non están para que os representantes de nais e pais presentemos cousas persoais, senón para defender intereses de carácter colectivo e asumir a representación de todos os pais e nais do colexio.

A NOSA PARTICIPACIÓN É IMPORTANTE.

POLO BO FUNCIONAMENTO DO CENTRO DOS NOSOS FILLOS,

POLA CONSECUCIÓN DUNHA COMUNIDADE EDUCATIVA
NA QUE A PRESENZA DAS FAMILIAS SEXA IMPRESCINDIBLE,


POLO EXERCICIO DOS NOSOS DEREITOS...

 PRESÉNTATE AO CONSELLO ESCOLAR
  

pero, sobre todo,

VOTA AOS TEUS REPRESENTANTES



martes, 6 de novembro de 2012

Do CERN á aula: ciencia en galego

Co gallo da celebración do III Día da Ciencia e da Tecnoloxía en Galego, a Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística e o Servizo de Normalización Lingüística da USC organizan unha videoconferencia este martes 6 de novembro, na que destacados investigadores en Física de Partículas formados en institutos galegos falarán sobre os proxectos científicos que desenvolven na actualidade. Os alumnos e mestres dos centros escolares que desexen participar terán a posibilidade de interaccionar con eles vía chat.

Ao redor dun cento de centros participarán na iniciativa, na que poderán ver e escoitar a Patricia Conde (Investigadora no LIP de Lisboa. Física do experimento ATLAS do CERN), Olalla Castro (Profesora no City University en Londres. Investiga en Teoría Cuántica de Campos), Abraham Gallas (Investigador no CERN e na USC. Físico do experimento LHCb do CERN), Carlos Salgado (Investigador no CERN e na USC. Investiga o estado da materia nos primeiros instantes do Universo) e Cibrán Santamarina (Profesor da USC. Traballa no experimento LHC do CERN).
Os expertos internacionais en física de partículas que participarán na videoconferencia formáronse en institutos galegos.
Os experimentos do LHC no CERN levan máis de dous anos de toma de datos. Neste período producíronse resultados científicos de grande interese. A descuberta dunha resonancia que podería ser o bosón de Higgs, que foi noticia de primeira páxina en todos os informtivos do mundo, a pescuda de partículas supersimétricas, os resultados na busca do plasma de quarks e gluons, o estado da materia do universo primitivo, son só algúns dos fitos acadados. Neste proxecto internacional traballan físicos galegos que colaboran con colegas de todo o mundo nun contexto multilingüe. A Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística salienta que "moitos deles utilizan o galego para realizar parte do seu traballo, tanto no contexto informal de discusións entre eles, como para a realización de traballos científicos (teses e teses de mestrado) así como na docencia e a divulgación científica".

III Día da Ciencia e da Tecnoloxía en Galego

Este 5 de novembro celébrase o III Día da Ciencia e da Tecnoloxía en Galego, que este ano se dedica á Tecnoloxía, a Leonardo e a Ramón Verea. Para conmemoralo propóñense distintas actividades relacionadas coa bicicleta e con estes dous investigadores. Ademais, a USC leva a cabo outras accións de divulgación nos seus centros. E o mesmo fai a Asociación do Profesorado de Tecnoloxía de Galicia.

Ramón Verea

Ramón Verea foi un investigador e inventor nacido na Estrada en 1833 e finado en Bos Aires en 1899. Estudou na Universidade de Santiago e emigrou a Cuba, Estados Unidos, Guatemala e, finalmente, Arxentina. Fíxose coñecido por inventar unha máquina de calcular, patentada en 1878, capaz de sumar, multiplicar e dividir números de nove cifras, admitindo ata seis números no multiplicador e quince no produto. A calculadora pesaba uns 23 quilos de peso, 35 centímetros de longo, e tiña 30 centímetros de ancho e 20 de alto. O aparello podía resolver 698.543.721 x 807.689 en vinte segundos, unha velocidade sorprendente para a época.



A Carta Europea das Linguas fai vinte anos inzada de incumprimentos en Galicia

En novembro de 1992 nacía en Estrasburgo a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias. Auspiciada polo Consello de Europa, os Estados que a asinaban amosábanse "conscientes do feito de que a protección e o fomento" destes idiomas "representan unha contribución importante á construción dunha Europa baseada nos principios da democracia e da diversidade cultural". Na sinatura deste tratado europeo participou daquela un representante do Estado español. As Cortes Xerais deron o seu visto e prace á participación no acordo e, xa en 2002, o daquela ministro de Exteriores, Josep Piqué (PP), rubricaba o correspondente instrumento de ratificación, isto é, o documento no que o Goberno de España especificaba o grao de cumprimento da Carta ao que se comprometía. Elixiu, na maior parte dos artigos, a maior protección posible para o galego, o catalán e o éuscaro.

Personificado, como é habitual, na figura do rei, o Estado "aprobou e ratificou" o que se dispón na Carta, "prometendo cumprila, observala e facer que se cumpra e observe puntualmente en todas as súas partes". Así e todo, vinte anos despois da sinatura e cando xa pasou unha década dende a súa ratificación, unha ollada ao seu articulado permite concluír que en Galicia este tratado europeo é aínda unha enorme materia pendente especialmente en ámbitos como o ensino ou a xustiza onde, lonxe de avanzar cara aos preceptos comprometidos, se experimentaron notables retrocesos con medidas como a derrogación do decreto 124/2007 de galego no ensino -que establecía un "mínimo" do 50% das materias escolares en galego- e a súa substición polo denominado decreto do plurilingüismo.
O Goberno español comprometeuse a garantir a posibilidade de recibir o ensino preescolar, primario e secundario en galego
No ámbito educativo o Goberno de José María Aznar asumiu os compromisos máis ambiciosos o cal equivale, dada a vixente distribución de competencias, a que a Xunta tamén os asumiu. Así, dende a ratificación de Carta os poderes públicos están "comprometidas" a "prever unha educación preescolar garantida nas linguas rexionais e minoritarias correspondentes", neste caso o galego. Idéntico precepto rexe para o ensino primario, para o ensino secundario e para o "técnico e profesional". Ao tempo, España tamén apostou por "tomar disposicións para que se impartan cursos de ensino para adultos ou de educaicón permanente principal ou totalmente" en galego. No caso da universidade o grao de protección seleccionado foi menor, quedando no "fomento" e/ou "autorización" do "establecemento dun ensino universitario ou outras formas de ensino superior" nas linguas propias.
Neste contexto, no que os últimos datos dispoñibles falan de que só arredor do 20% do ensino obrigatorio é impartido en galego, a reforma educativa que prepara o Goberno central semella que vai dificultar aínda máis o cumprimento da Carta xa que, por exemplo, en 2002 o Estado asumiu tamén o compromiso de "tomar medidas para asegurar o ensino da historia e a cultura das cales é expresión a lingua rexional ou minoritaria" -o Ministerio de Educación prepara unha recentralización do currículum educativo-.

Xustiza e medios de comunicación

Se o cumprimento da Carta no ámbito educativo é escaso a situación non mellora, senón o contrario, se o sector observado é a Xustiza, outro dos máis relevantes no tratado europeo. Como fixo no ensino, neste caso o Estado asumiu como propio o maior grao de compromiso posible, comprometéndose a "asegurar", tanto nos procesos civís como nos penais e administrativos, a posibilidade de utilizar con normalidade as linguas oficiais diferentes do español.
O Estado ofreceu garantías de que os procedementos xudiciais se poderían desenvolver con normalidade en linguas distintas do castelán.
Así, por exemplo, ofreceu garantías de que "os organos xurisdiccionais, por solicitude dunha das partes", ían "levar o procedemento nas linguas rexionais ou minoritarias" ou, en todo caso, lle garantirían "ao acusado -na xurisdicción penal- o dereito de se expresar" na súa lingua. Ademais, non habería obstáculo para empregar unha lingua como ao galego para presentar probas e documentos recorrendo, "se for necesario, a intérpretes e a traducións". Na actualidade, non son poucos os casos que saltan á luz pública no que o emprego normal do galego nos tribunais se converte nunha carreira de obstáculos dificultada, a comezar, polos programas informáticos proporcionados pola Xunta para operar nos xulgados.
A realidade galega tamén difire en boa medida do estipulado na Carta se o ámbito observado é o dos medios de comunicación, onde só se cumpre con normalidade a existencia de, "polo menos, unha emisora de radio e unha canle de televisión" no idioma do que se trate. Non acontece así no que atinxe á garantía de "fomentar ou facilitar a creación e mantemento de, polo menos, un órgano de prensa nas linguas rexionais ou minoritarias" e as políticas de recortes poñen en serio perigo a comprometida "asistencia financeira ás producións audiovisuais" en galego. Do mesmo xeito, na práctica tampouco existe a aposta por "apoiar a formación de xornalistas e demais persoal para os medios de comunicación que empreguen" estes idiomas, aínda que o Estado se comprometeu a facelo.



Información a tódolos usuarios do transporte escolar

Queremos informarvos que nos chega información de que os/as acompañantes do buses escolares están pasando unhas autorizacións para deixar os/as nenos/as sos nas paradas cando non haxa ningún familiar.

Comunicar que tal autorización non é legal, eles seguen a ser os responsables o, que si se pode facer, é asinar autorización para que outra persoa o recolla.