xoves, 15 de novembro de 2012

Prolingua insta a Xunta a derrogar o Decreto de Plurilingüismo despois do 'suspenso' do Consello de Europa


O pasado 25 de outubro deuse a coñecer o informe do Consello de Europa que avalía o cumprimento da Carta Europea de Linguas Rexionais. Nel, sinaláronse unha serie de incumprimentos, nomeadamente no ensino e nos medios de comunicación, pois o texto expresaba a súa preocupación "pola redución progresiva do ensino en galego en todos os niveis e da súa estrutura de apoio" e solicitáballe á Administración "un número suficiente de escolas" que permita educar os rapaces en lingua galega. Prolingua elaborou unha reflexión sobre o contido do informe e unha serie de demandas concretas ao Goberno galego á luz dos seus resultados.
Nela a plataforma indica que "téndomos en conta que este 3º Informe do Consello de Europa foi rebaixado de intensidade nas súas conclusións no momento da súa aprobación polo Consello de Ministros, seméllannos moi relevantes as advertencias e recomendacións que lle fai este Informe ao goberno galego e que supoñen, na práctica, a condena e rexeitamento do Decreto de Plurilingüismo". Tamén afirma que o ditame supón "unha seria advertencia ao goberno do PP acerca dos graves incumprimentos que está a cometer da aplicación da Carta Europea das Linguas en materias de funcionariado, administración, xustiza, medios de comunicación, sanidade, mundo laboral e eido asistencial".
A plataforma denuncia que o presente Decreto, "como demostra este Informe", só serviu "para que o galego recuase moi perigosamente no eido educativo"
Prolingua demándalle ao Goberno galego que revogue o Decreto de Plurilingüismo e elabore outro novo "consensuadamente, un novo Decreto que abranga e garanta unha liña de ensino en galego como lle pide Europa". A plataforma denuncia que o presente Decreto, "como demostra este Informe", só serviu "para que o galego recuase moi perigosamente no eido educativo".
Tamén lle esixe á Xunta que apoie os medios en galego e faga cumprir "o compromiso do mínimo de 50% de emisión en galego ás emisoras concedidas". Así mesmo pídelle que esixa "de verdade" un coñecemento "digno" oral e escrito do galego aos funcionarios da administración, da xustiza e do ensino, "á vez que debe acabar coas discriminacións do galego nos eidos laboral, sanitario e asistencial".
Tamén lle esixe á Xunta que apoie os medios en galego e faga cumprir "o compromiso do mínimo de 50% de emisión en galego ás emisoras concedidas"
En definitiva Prolingua demándalle á Xunta que cumpra coa Lei de Normalización Lingüística e co Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, textos aprobados por unanimidade polo Parlamento Galego. E afirma que "o goberno do PP, en suma, debería ter ben presente que a lingua galega nunca foi un problema e que debe evitarse toda controversia partidaria, porque a o galego é un patrimonio de todos, mesmo dos que non o falan".



Ningún comentario:

Publicar un comentario