xoves, 8 de novembro de 2012

Consellos Escolares


QUÉ É O CONSELLO ESCOLAR?

É un órgano colexiado de goberno e de participación dos diferentes membros da comunidade educativa do centro.
A súa misión é asumir a responsabilidade máxima colexiada do funcionamento da entidade escolar, para o que precisa da participación de todas as persoas afectadas. A súa constitución é obrigatoria en todos os centros públicos -tamén nos concertados-.

Competencias do Consello Escolar nun Centro Público (LOE)

Ø       Aprobar e avaliar a Programación Xeral Anual do centro (PXA) se prexuízo das competencias do claustro de profesores, con relación á planificación e organización docente;

Ø       Coñecer as candidaturas á dirección e os proxectos de dirección presentados polos candidatos;

Ø       Participar na selección do director do centro; ser informado do nomeamento e cese dos demais membros do equipo directivo. No seu caso, previo acordo dos seus membros, adoptado por maioría de dous terzos, propor a revogación do nomeamento do director;

Ø       Decidir sobre a admisión do alumnado;

Ø       Coñecer a resolución de conflitos disciplinarios e velar porque se atinxan á normativa vixente. Cando as medidas disciplinarias adoptadas polo director correspondan a condutas do alumnado que prexudiquen gravemente a convivencia do centro, o Consello Escolar, a instancia de pais, nais ou titores, poderá revisar a decisión adoptada e propor, no seu caso, as medidas oportunas;

Ø       Propoñer medidas e iniciativas que favorezan a convivencia no centro,a igualdade entre homes e mulleres e a resolución pacífica de conflitos en todos os ámbitos;

Ø       Promover a conservación e renovación das instalacións e equipo escolar e aprobar a obtención de recursos complementarios, de acordo co establecido no artigo 122.3;

Ø       Analizar e valorar o funcionamento xeral do centro, a evolución do rendemento escolar e os resultados das avaliacións internas e externas nas que participe o centro.
Dereitos que temos como membros do Consello Escolar:

Ø       Recibir a orde do día das reunións antes da súa celebración e toda a documentación necesaria, con tempo suficiente, para poder elaborar as propostas ou intervencións que nos parezan oportunas;

Ø       Participar, opinar e elaborar propostas sobre todas as cuestións que compete resolver ao Consello Escolar (especificadas no cap.II do título V da LOE)

Ø       Recibir un exemplar do PEC (Proxecto Educativo do Centro) e da PXA (Programación Xeral Anual) e das súas modificacións se as houber. Así como de todos os documentos do centro

Ø       Recibir información e opinar sobre os libros de texto e os materiais didácticos elixidos polo claustro

Ø       Coñecer e opinar sobre os resultados académicos e valoración dos mesmos

Ø       Utilizar as instalacións do centro nas condicións que estableza o Consello Escolar e define a normativa vixente

Ø       Participar na elección/selección do director ou directora e/ou propoñer a súa revogación

As ANPAS designan directamente un representante no Consello Escolar con voz e voto e, en consecuencia, poden cambialo sen ter que esperar á renovación do mesmo.

As nais e pais membros do Consello Escolar debemos coordinar as nosas actuacións; deberíamos manter, sempre que fose preciso, unha reunión previa da sesión do Consello coa Xunta Directiva da ANPA e presentar todos aqueles aspectos, suxestións e proxectos que a ANPA considere que son importantes para mellorar o funcionamento do centro ou intervir na xestión democrática do mesmo.

Os consellos escolares non están para que os representantes de nais e pais presentemos cousas persoais, senón para defender intereses de carácter colectivo e asumir a representación de todos os pais e nais do colexio.

A NOSA PARTICIPACIÓN É IMPORTANTE.

POLO BO FUNCIONAMENTO DO CENTRO DOS NOSOS FILLOS,

POLA CONSECUCIÓN DUNHA COMUNIDADE EDUCATIVA
NA QUE A PRESENZA DAS FAMILIAS SEXA IMPRESCINDIBLE,


POLO EXERCICIO DOS NOSOS DEREITOS...

 PRESÉNTATE AO CONSELLO ESCOLAR
  

pero, sobre todo,

VOTA AOS TEUS REPRESENTANTES



Ningún comentario:

Publicar un comentario